Unha homenaxe ás pulpeiras e ao historiador Felipe Senén arrancará a semana grande da Festa do Pulpo no Carballiño

IES CHAMOSO LAMAS

-Está previsto que mañá, ás 12.00 horas na Casa Consistorial, os homenaxeados reciban un obsequio en agradecemento polo seu esforzo por manter viva a tradición e facer posible a internacionalización dos festexos

-A Tapa máis grande do mundo intentará bater o martes un novo récord con 515 quilos, 15 máis que no 2019 e serán unha trintena de pulpeiras as encargadas da súa cocción 

OZOCOgz Deseño Galego

-Ata o mércores poderase entregar a documentación para participar no Concurso de Camisetas do sábado, que contará coa actuación do locutor de Rock FM “El Pirata”

A Festa do Pulpo de Carballiño estrea nesta edición número 60 a declaración de interese turístico internacional. Para lograr este recoñecemento foi esencial o esforzo das pulpeiras, ás que se lle renderá mañá, ás 12.00 horas na Casa Consistorial, unha emotiva homenaxe. Prevese que unha nutrida representación destas profesionais recollan un obsequio, ao mesmo tempo que Felipe Senén, pola súa contribución a manter viva  tradición de todo un pobo. Cómpre destacar durante varios anos e ao igual que o seu pai, Senén foi o autor do cartel da festa e neste 2022 tomou o relevo outro membro da súa familia, Ari Quintas. Ademais, no seu currículo destaca o seu traballo como arqueólogo, museólogo, presidente da Asociación de Amigos dos Museos de Galícia e actual secretario da Academia Galega de Bellas Artes.

A homenaxe será o primeiro acto da semana grande da Festa do Pulpo, se ben a programación xa comezou o día 1 de agosto coa Semana Grande para Pequenos e incluíu propostas como o Festival de Habaneras ou o que leva por nome ·”Feito no Carballiño” e que promociona a aqueles grupos que contan co talento dun carballinés ou carballinesa. Mañá será o momento de intentar bater un novo récord coa preparación da tapa mais grande do mundo: serán 515 quilos de pulpo, 15 máis que o ano pasado, os que se cocerán e na súa preparación participarán unha trintena de profesionais. A pastelería Royal colaborará cos doces do postre e a vila recibirá a miles de persoas atraídas por uns festexos que alongan a súa duración e ofrecerán un programa elaborado cun mimo especial coincidindo coa declaración de interese turístico internacional.

O Concurso de Camisetas do sábado volverá a ser outro dos pratos fortes da programación. Polo de agora, xa son unha vintena as peñas inscritas para participar, se ben o prazo para entregar a documentación remata o mércores. Nas bases establécense as normas que rexerán o certame e poden consultarse nas redes sociais do Concello do Carballiño. Os interesados poden presentar un deseño creado en base a debuxos, imaxes, palabras, frases, números ou calquera ouro elemento gráfico, e poderá ser impreso sobre unha camiseta de calquera cor, na súa parte dianteira ou traseira, ou en ambas.

Cómpre destacar que a participación está aberta a todos os colectivos que o desexen, sen límite de idade sempre que o responsable da agrupación teña máis de 18 anos. En canto aos premios, establécese un único ao mellor deseño e dotado con 200 euros para a camiseta que reciba máis votos. O resto das que cumpran os requisitos das bases recibirán unha compensación por importe de 60 euros cada unha. As camisetas de cada peña serán expostas na Praza Maior o día 13 de agosto, a partir das 17.00 horas. Este ano substituirase o desfile pola actuación do locutor de Rock FM “El Pirata”.

Este é o programa detallado para os próximos días:

7 de agosto: Festival Mundial de Ilusionismo. Praza Maior. 20.00 horas

                     Bailes para maiores. Parque Municipal. 19.00 horas

8 de agosto. Homenaxe ás pulpeiras e a Felipe Senén. Casa Consistorial. 12 horas.

Música de Rúa. El hechizo de Nora. Paraza Maior. 20.30 horas

9 de agosto. A Tapa de Pulpo máis grande do mundo. Praza Maior. 19.00 horas

                      Música de Rúa. Soul&Roll. Praza Maior. 21.00 horas.

10 de agosto. Festival de Folclore Internacional. Praza Maior. 22.30 horas

11 de agosto. Concerto de Roi Casal. Praza Maior. 23.00 horas

12 de agosto. Orquesta Combo Dominicano. Praza da Veracruz. 23.30 horas.

13 de agosto. Festa das Camisetas. Actuación de El Pirata, locutor de Rock FM. Praza Maior. 19.00 horas. O prazo para inscribirse no concurso está aberto.

14 de agosto. Festa do Pulpo. Xantar e música. Parque municipal.

Cómpre destacar o papel dos patrocinadores na Festa do Pulpo: Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, Inorde, Abanca, Estrella Galicia, Aceites Abril, Gadis, Pazo Tizón, Viaqua, GRI Towers Galicia, Oreco Balgón, Avatel Telecom, CER&BER e IBERIK Akua Natura.