Nota informativa do BNG de Cea

Manuel Pérez Vázquez e María Elvira Fernández Fernández, concelleiros do BNG en San Cristovo de Cea, á vista da situación que estamos a vivir de “estado de alarma” decretado polo Goberno do Estado, e que vén de ampliarse ata o vindeiro 11 de abril, no tocante ás actuacións que debe levar a cabo o noso Concello, no xeito que mellor proceda

1- Debido á supresión do pleno ordinario previsto para o 30-03-2020 a causa do estado de alarma sanitaria, e posto que non está previsto celebrar ningún outro pleno ata o ordinario de finais de maio, a oposición carece das vías necesarias para estar informada e poder colaborar na solución da grave problemática que non atinxe, polo que solicitamos ao Concello que informe da situación real e abra vías de colaboración. Ata o momento non existiu comunicación algunha do Concello á oposición, nin información específica nos pobos sobre cal é a situación real, qué se está a facer no Concello, cáles son as necesidades prioritarias ou en qué e cómo podemos colaborar e axudar

AVANTAR ACTIVIDADES

2- Que, mentres se manteña o estado de alarma, se extremen as condicións no tocante á limpeza con baldeo das calzadas e beirarrúas, desinfección e fumigación dos puntos máis críticos como lugares onde se sitúan contedores, mobiliario urbano, paradas de bus, etc., sendo mais exhaustivos estes traballos nas inmediacións do centro de saúde, residencia de terceira idade, supermercados, tendas de alimentación, panaderías e farmacias, prazas e parques. Consideramos insuficientes as desinfeccións efectuadas en algúns puntos polo que sería necesario coordinar Protección Civil, a brigada municipal (diferenciada de protección civil) e os posibles integrantes da U.M.E. desprazados na contorna para chegar a moitos máis.

3- Que se establezan os mecanismos de comunicación pertinentes coa residencia de maiores, para coñecer no día a día as distintas problemáticas que se poidan producir, dándolle unha solución acaída, en colaboración coa Xunta de Galiza, e garantindo a saúde das persoas residentes e dos traballadores e traballadoras, para o cal o primeiro é dotalos do material necesario para afrontar a prevención e contaxio.

4- Que diante dunha situación tan grave como a presente non se utilice a páxina web do concello para algo máis do que ben sendo, unha plataforma publicitaria daquelo que lle interesa ao grupo de goberno, e cumpra un papel esencial como plataforma para a información e a comunicación, facilitando teléfonos, enlaces e información ao vecindario. Para elo solicitamos crear na web municipal o apartado “CORONAVIRUS” no que se informe de:
 Todas as novas, situación e actuacións e recomendacións relativas ao coronavirus.
 Así mesmo, de todas as medidas que se tomen, tanto á propia corporación como á veciñanza en xeral, para permitir que entre todos busquemos un efecto de sinerxía positiva. Parece mentira que diante dunha situación desta gravidade se siga actuando de costas á corporación.

5- A creación dun rexistro de voluntarios/as así como das ofertas e doazóns ou das demandas de bens e subministros que poidan ser de utilidade nestes momentos.

6- A Posta en marcha dun programa de acompañamento telefónico ás persoas da terceira idade e a aquelas que son máis vulnerables, para evitar os efectos do illamento, coñecer de primeira man o seu estado e poder facer seguimento diario. Reforzar as Axudas de Emerxencia Social para evitarmos situacións de exclusión. Levar comida aqueles que o precisen, poñendo en funcionamento se fose preciso a cociña do grupo escolar. Deberá incrementarse no necesario, a partida orzamentaria adicada para estes fins. Así mesmo deben axilizarse e flexibilizarse os trámites burocráticos para que a xente que o precisa poida ter a súa disposición estas axudas no menor tempo posíbel sen ningún tipo de favoritismos ou discriminacións.

7- En canto ao persoal municipal e de servizos:
 Dotar de equipas de protección individual ás persoas que desenvolvan labores que implique
contacto co público.
 Asegurar o cumprimento dos protocolos de prevención en todos os servizos de titularidade municipal.
 Impulsar o traballo a distancia, a atención telefónica e/ou telemática, reducindo a atención presencial ao imprescindíbel

8- Coordinar coas outras administracións un protocolo de atención e seguimento ás vítimas de violencia machista, se as houbera, dado que na situación actual a convivencia pode dificultarse.

9- A elaboración dun Plan de aprazamento, fraccionamento ou condonación (ata onde a lexislación permita) dos impostos, recibos e taxas en función das situacións concretas de cada persoa, autónomo ou empresa. A supresión do IBI para recibos de menos de 10 euros, xa aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación tras varias propostas do grupo municipal do BNG, xa nos pareceu insuficiente entón polo que debe ampliarse. Seguir estes mesmos criterios para o aprazamento da taxa de recollida de lixo comercial ás actividades pechadas, así como de todos aqueles impostos municipais pendentes de pasar ao cobro. Para elo procede levar a cabo as xestións pertinentes no Servizo Provincial de Recadación da Deputación.

10- Iniciar un estudo que permita, unha vez superado o período de emerxencia sanitaria, a posta en marcha dun Plan de reactivación económica, a complementar con outras administracións, naquelas cuestións de competencia municipal (dinamización do comercio local, fortalecemento dos servizos, incremento do investimento vencellado a aquelas actuacións con maior impacto na xeración de riqueza e emprego, etc.).