O Psdeg-Psoe presenta iniciativas para adiantar a dispoñibilidade de recursos municipais á hostalaría, pemes e persoas en situación de exclusión social

O partido socialista foi a única forza política cuxas propostas deron resposta á urxencia vivida polo pequeno empresariado e as persoas con dificultades socioeconómicas.

Villarino sinalou a posibilidade de negociar un convenio do Concello co IGAPE, co obxecto de que o organismo autonómico anticipe para as pequenas empresas, que logo lle serán reembolsados á Xunta.

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar iniciativas para adiantar a dispoñibilidade de recursos municipais á hostalaría, ás PEMES e ás persoas en situación de exclusión social durante pleno municipal deste venres. Rafael Rodríguez Villarino, voceiro do PSdeG-PSOE no concello de Ourense, comezou a súa intervención poñendo de manifesto o que “pensarán” os representantes da hostalaría e o ocio nocturno despois dun “debate baleiro de respostas” ante a súa principal inquedanza: “dispoñer de máis recursos municipais para a situación de crise debida á pandemia da COVID-19”.

Fronte a este “desleixo”, o voceiro socialista reiterou varias propostas que axilizan a finalidade perseguida. A primeira delas, consistente na aprobación “exprés” de novos orzamentos en xaneiro de 2021, podería acadarse mediante “modificacións mínimas” respecto das contas actuais. En concreto, Villarino avogou pola modificación da partida de investimentos (de pouco máis de 5 millóns de euros), así como de outras que puideran rescatar fondos para fins de axuda ao pequeno empresariado e ás persoas en situación de emerxencia social.

Alternativamente, Villarino sinalou a posibilidade de negociar un convenio do concello co IGAPE, co obxecto de que o organismo autonómico anticipe -a custe cero- fondos para as pequenas empresas da cidade, que logo lle serán reembolsados á Xunta. Noutras palabras, adianto a custe cero para a cidadanía e sen case custo para a nosa autonomía.

Ademais destas medidas de avance de recursos “moi necesarios”, o socialista subliñou o valor de medidas xa presentadas polos grupos no consistorio durante o mes de marzo, as cales foron “desatendidas polo bigoberno municipal”, malia a súa “valía” na situación de pandemia actual.

A intervención de Villarino concluíu cunha mensaxe de impulso e consenso cara á formulación de iniciativas realistas e urxentes que resulten de valor para a cidadanía ourensá.