O Psdeg-Psoe de Castrelo de Miño esíxelle ao grupo de goberno municipal que aposte pola “transparencia” e publicite as licitacións de contratos menores

Os socialistas denuncian que a última licitación menor “non se anunciou” e dúas empresas dedicadas aos desbroces na zona tiveron coñecemento unha vez adxudicada a obra a outra empresa foránea

A voceira socialista, Catalina González, aposta por “potenciar as empresas da zona” e que estas “teñan prioridade no caso de haber varias ofertas” e subliña que hai que apostar pola “transparencia”

AVANTAR ACTIVIDADES

 O PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño esíxelle ao goberno municipal do Partido Popular e o seu alcalde, Avelino Pazos, que aposte pola “transparencia” e publicite as licitacións de contratos menores para que as empresas que teñen a súa sede social no municipio ou na bisbarra teñan coñecemento destas ofertas e poidan optar a presentación das súas ofertas. Os socialistas denuncian que no último contrato menor adxudicado para labores de desbroces e limpeza no municipio, dúas empresas da zona “non tiveron constancia deste contrato, ata o momento en que foi adxudicado”.

Para o Grupo Municipal Socialista de Castrelo de Miño “é de vital importancia” que o Concello informe e faga públicas estas ofertas co obxectivo de que as empresas locais “dispoñan desta información para poder optar os concursos de adxudicación”. Cabe destacar que neste último contrato menor licitado por 15.000 euros máis IVA, foron dúas as empresas que fixeron a súa oferta, adxudicándose a aquela que apostou por un menor importe, pero quedaron fora dúas empresas da zona especializadas nos traballos de desbroce que requería o goberno municipal.

Os socialistas apostan porque un goberno municipal máis “transparente” e que estea en constante “comunicación” coa veciñanza e os empresarios locais. Dende a Agrupación Socialista de Castrelo de Miño tamén sinalan que os empresarios locais “se atopan moi descontentos” coa política do PP de non facer publicidade dos concursos, que tal e como resaltan os socialistas “case sempre acaban índose a empresas de fora do municipio”. Apuntan tamén os empresarios a que dende o Concello “nunca se lles deu ningún traballo, nin se lles recomendou a particulares”.

Para a voceira do PSdeG-PSOE en Castrelo de Miño, Catalina González Álvarez, a posición dos socialistas “está clara” ao manifestar que o Concello “debe dar a opción ás empresas da zona e do municipio a que opten a licitación e non saiban da mesma unha vez que estea adxudicada”. A voceira socialistas resalta que “non teño nada contra a empresa que levou a adxudicación, pero a miña aposta e que as empresas locais opten a estas licitacións.

González Álvarez destaca que a pesar de que se trata dun contrato menor ao que non é obrigatorio darlle publicidade, o Concello “debería pensar un pouco máis nos empresarios locais e darlle a posibilidade de que se informen destas licitacións”. Subliña tamén que “hai que potenciar as empresas locais e o comercio local e está é unha boa forma de comezar”.

Os socialistas avogan porque as empresas locais “teñan prioridade no caso dun contrato menor” e que no caso do acontecido coa licitación para desbroce, “coñezan esta información e no caso de presentarse ambas, haxa a posibilidade de que se repartan a tarefa entre ambas”.


VIDEO SPOT CASTRELO DE MIÑO en BADAL TV

CONCELLO DE CASTRELO DE MIÑO