Gonzalo Caballero sinala que a sanción contra o xinecólogo de Verín constitúe unha “represalia por opoñerse ao peche do paridoiro e defender unha sanidade pública de primeira”

O líder do PSdeG anuncia que levará este “ataque á sanidade pública” ao Parlamento e reclama a Feijóo que pare a sanción inxustificada contra un médico de longa traxectoria profesional

O xinecólogo xefe de Verín advirte de que “se o conselleiro de Sanidade non rectifica, acudirei á xustiza para defenderme” porque é “unha sanción inxusta”

AVANTAR ACTIVIDADES

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, advertiu hoxe que a sanción imposta polo goberno galego contra o xefe de Xinecoloxía de Verín é “absolutamente inxusta e unha represalia política” contra quen liderou as protestas contra o peche do paridoiro desta vila.

Caballero viaxou hoxe ata Verín para darlle o apoio explícito a este profesional en compañía do secretario provincial do PSdeG en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino; o alcalde, Gerardo Seoane; e os deputados Juan Carlos Francisco, Marina Ortega e Carmen Rodríguez Dacosta.

Dende alí, o líder do PSdeG sinalou que esta sanción supón unha “afrenta aberta” contra os profesionais e os defensores da sanidade pública. “A Xunta non quere envainarse toda a súa falla de compromiso coa sanidade pública, e quere manter unha mínima sanción inadmisible”, incidiu.

Neste punto, Gonzalo Caballero fixo fincapé en que o ataque contra o doutor Castrillo supón “represaliar ás liberdades, o dereito da cidadanía a defender o público e aos galegos e galegas que queremos unha sanidade pública de primeira”. Por iso, reclamou explicitamente ao presidente da Xunta que “cese inmediatamente a calquera membro da Consellería de Sanidade que queira manter esta sanción, que é unha farsa, unha represalia e un ataque contra a sanidade pública”.

De feito, o dirixente socialista subliñou que Feijóo, no canto de “manter unha batalla absurda”, debera “facerlle unha homenaxe a un profesional con tantas décadas de bo facer” e deixar as “escusas” para “non recoñecer” que o intento de peche do paridoiro foi “un ataque á sanidade pública” que demostrou unha xestión “nefasta”.

APLAUSO AO DOUTOR CASTRILLO

Dito isto, Gonzalo Caballero puxo o foco en que felizmente “foron os profesionais da sanidade pública, o pobo de Verín e toda Galicia os que fixemos frear á Xunta de Galicia” no seu intento de desmantelamento do hospital comarcal.

Antes de brindar un aplauso ao doutor Castrillo, agradeceu “o traballo e o compromiso” do responsable de Xinecoloxía de Verín “en nome de tódolos veciños e veciñas, da nosa organización e de tantos galegos e galegas que, á marxe da cor política, saben que a batalla polo paridoiro de Verín é necesaria para frear o peche dos servizos públicos sanitarios en Galicia, no rural e nos concellos do interior”.

DEFENDER A SANIDADE PÚBLICA

Ao fío disto, o máximo responsable do PSdeG salientou a necesidade de defender a sanidade pública, con listas de espera ata en atención primaria, con problemas de colapso nas emerxencias, cos profesionais sanitarios encadeando ata 30 contratos temporais ao mes, e agora apostando por un sistema telefónico que “non serve”.

Fronte a isto, Gonzalo Caballero sinalou que “temos que defender a sanidade pública, e en lugar de represaliar aos profesionais sanitarios hai que apoialos con contratos decentes e recoñecendo que representan a defensa dos intereses dos galegos e das galegas e da Galicia que queremos para o século XXI”.

CASTRILLO LEVARÁ A SANCIÓN Á XUSTIZA

Pola súa banda, o xefe de Xinecoloxía do hospital de Verín, Javier Castrillo, agradeceu o apoio do PSdeG e subliñou que o que está facendo a Xunta co seu expediente “non é xustiza”, tal e como amosa “a evidencia”.

De feito, deixou claro que “eu non lle faltei ao respecto a ningunha compañeira, só lle preguntei á pediatra por que separaba a un recén nacido de súa nai para trasladala a Ourense”. E, neste punto, recalcou que “as persoas que promoven a sanción si que me faltaron ao respecto a min, dicindo nun auditorio cheo de xente que o paridoiro pechaba pola perda de pericia dos profesionais”. “Iso si é unha falta de respecto”, enfatizou.

“Eu só fixen o meu traballo, pero parece que iso supúxolles algún obstáculo na execución dos seus plans, e por iso queren sancionarme”, concluíu o doutor Castrillo, para quen a Xunta “cre que este hospital é un luxo para a comarca, e que non o merece”.

Dito isto, o xinecólogo xefe de Verín incidiu en que a súa sanción “é inxusta”, polo que asegurou que “se o conselleiro de Sanidade non rectifica, acudirei á xustiza para defenderme”. “Non vou quedar quieto”, garantiu, concencido de que “se unha sanción é inxusta, é inxusta, sexa por dous días ou por dous minutos”.