Rally Pazo Tizón de altura con vitoria para Alberto Meira e sexto posto para Jorge Coca

Despois de quedarse ás portas o pasado ano, o piloto Alberto Meira (Skoda Fabia Rallye 2), conseguiu gañar con total autoridade o Rally Pazo Tizón 2022 tras gañar os nove tramos que compoñían a proba puntuable do Campionato Galego. Os pases polo Carballiño, Piñor, O Irixo, Maside, Boborás, Cea, Leiro e Amoeiro deixaron moi boas sensacións entre os pilotos e o numeroso público asistente neste rallye que alcanzaba a súa 36ª edición aínda que cambiando de nome, deixando atrás o famoso “Rally do Lacón”. Foron 116 os pilotos os que se deron cita en dúas xornadas de motor na comarca do Carballiño e que remataron co podio no marco incomparable do Templo da Veracruz.

No eido local, quedaron sextos os carballiñeses Jorge Coca e Diego Vázquez (Renault Clio N5). Miguel Paredes, tamén ourensán quedou clasificado no posto noveno, do equipo Terra Termal Ourense, e falamos co seu copiloto, sobre o novo vehículo que estrearon neste rally e con boas sensacións.

AVANTAR ACTIVIDADES

A gran maioría dos pilotos destaca a variedade de tramos deste rally, tanto os xa veteranos como os que se estrearon este ano, con zonas duras e preparadas para desfrutar do motor.

Despois de dous anos complicados pola pandemia, nesta edición foi posible recuperar a normalidade, e ademais rexistrando outra fin de semana de grandes cifras en canto a ocupación hostaleira para O Carballiño.