Espazo Común cuestiona a contratación dun guía turistico do parque etnográfico

NOTA INFORMATIVA DE ESPAZO COMÚN:

FUMEGA CONTRATOU A DEDO A UN MEMBRO DA SÚA LISTA COMO GUÍA TURÍSTICO DO PARQUE ETNOGRÁFICO

AVANTAR ACTIVIDADES

Este procedemento de contratación foi intencionadamente ocultado ao suprimir “alguén” os decretos de alcaldía relacionados da listaxe que se entrega á oposición.

Un alcalde que se vanagloria en pleno de ser o Rei do Asfalto, que se gaba de xestionar os cartos públicos de xeito electoralista ou que xustifica as privatizacións das que antes era inimigo cun “a xente cambia”, non podía deixar de dar un paso máis na súa carreira por romper tódolos rexistros de caciquismo.

En días pasados vimos de saber que o alcalde Fumega contratou para o posto de guía turístico do Parque Etnográfico a unha persoa que formaba parte da súa lista electoral.

Non se trata de dubidar da cualificación do contratado pero, obviamente, é un feito grave que deixa moi en tea de xuízo, unha vez máis, a capacidade do alcalde para distinguir o Concello das súas fincas.

A falla de ética xa é tanta que non quedan liñas que cruzar. Iso sí, alguén do goberno ten que ser plenamente consciente do reprobable do feito pois afanouse en que os decretos de alcaldía relacionados co procedemento non foran incluídos no paquete deles que é obrigado entregar á oposición antes de cada pleno. Pediremos explicacións por escrito deste “despiste”, pois se é o que parece, a ilegalidade é gravísima.

O nepotismo que tanto se critica noutras institucións, está a orde do día no Concello do Carballiño.