Gabriel Alén salienta o valor das casas niño como exemplo de conciliación no rural

IES CHAMOSO LAMAS

A Xunta de Galicia habilita un investimento de 2 millóns de euros para a creación de 100 novas prazas en concellos de menos de 5000 habitantes que carezan doutros recursos

O delegado territorial visitou a casa niño Axóuxere, no concello de Cortegada, da man do seu alcalde

HIPER MASIDE

Ourense conta cunha rede de 43 centros espallados por toda a provincia

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado do alcalde de Cortegada, Avelino de Francisco, e a Xefa Territorial de Política Social, María José Laso, a casa niño Axóuxere, unha das últimas en entrar en funcionamento xunto coas de Castrelo do Val, Verea, Quintela de Leirado e San Xoán de Río; trátase da segunda casa niño do concello de Cortegada.Todas elas forman parte da rede provincial de casas niño, integrada por 43 centros, que se atopan espalladas por toda a xeografía ourensá.

Durante a súa visita, Gabriel Alén insistiu na importancia que teñen estes servizos tanto para o coidado dos nenos e nenas de 0 a 3 anos que viven en contornos rurais como para facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e social dos pais e nais. Neste sentido, apuntou que o Goberno galego seguirá estendendo as casas niño para crear unha rede máis ampla de recursos de conciliación no rural.

O representante do Goberno galego sinalou que a posta en marcha destas iniciativas “é unha mostra da inequívoca aposta da Xunta de Galicia por que nos municipios rurais existan os mesmos recursos que nas cidades”, nomeadamente no ámbito da familia e a infancia.

Deste xeito, animou, ao abeiro da nova convocatoria de axudas que aprobou o Consello da Xunta o pasado 18 de febreiro, ao emprendemento no ámbito da conciliación no rural, e apuntou que tamén constitúe un apoio ás persoas emprendedoras en localidades de carácter rural que con proxectos como este dan resposta a unha demanda como é o coidado dos máis pequenos e as necesidades de conciliación.

O delegado territorial sinalou que o formato de casas niño “é unha gran solución para territorios rurais e con pouca poboación que, polas súas características, non teñen suficiente demanda para dispor dunha escola infantil, pero si poden ofrecer deste xeito un servizo fundamental para formar e atender os cativos nos seus primeiros anos de vida, favorecendo ademais a súa interacción social e apertura ao mundo, e permitir ao mesmo tempo que traballen os seus pais e nais”.

Nova convocatoria

A Xunta de Galicia habilita un investimento de 2 millóns de euros para a creación de 100 novas prazas de casas niño, pequenos centros en concellos de menos de 5000 habitantes sen ningunha outra opción de conciliación. Con esta nova convocatoria, o Executivo autonómico pretende chegar ás 100 casas niño ao longo deste 2021.

Do importe total da convocatoria, 300.000 euros serán para obras de adecuación dos inmobles, 15.000 euros por cada un deles; e 1,3 millóns para o funcionamento diario do servizo de casa niño, 19.600 euros anuais por cada centro. Cómpre recordar que hoxe en día, a Administración autonómica xa apoiou a posta en marcha de 77 unidades destas características, que ofrecen 385 prazas totalmente gratuítas de atención á infancia.

Esta iniciativa é unha das liñas mestras da actuación da Xunta en materia de conciliación. Súmase a outras medidas como a gratuidade das escolas infantís para segundo fillo e sucesivos; a Tarxeta Benvida, da que xa se teñen beneficiado 67.000 galegas e galegos; ou o Bono Concilia, para axudar a pagar a escola infantil a aquelas familias que non puidesen acceder a unha praza pública.