O Psdeg de Pereiro insta ao goberno a adherirse á rede de entidades locais

O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar vén de presentar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria na que insta ao pleno a aprobar a adhesión do Concello á rede de entidades locais para a Axenda 2030. Os e as socialistas piden que o goberno municipal traballe na aprobación dun plan de actuación ou estratexia local, no que “se elabore unha análise da situación e un plan de localización e implantación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030”.

Dende o Grupo Municipal Socialista tamén avogan porque Pereiro de Aguiar asuma a declaración da Axenda 2030 aprobada no XII pleno da Federación Española de Municipios e Provincias e que se realicen os “trámites oportunos” para que a adhesión do Concello a rede de entidades locais para a Axenda 2030 sexa efectiva.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os e as socialistas de Pereiro lembran que para cumprir cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible “é fundamental a adhesión do noso Concello á rede de entidades locais para a Axenda 2030”. Neste senso, tamén subliñan que esta rede está formada por gobernos locais que “apostan pola localización e implantación dos ODS de forma transversal nas políticas públicas municipais” e fan fincapé en que a actividade “está dirixida a favorecer a coordinación e actuacións entre os gobernos locais, permitindo acadar mellores resultados na implantación da Axenda dos municipios, a través da localización e o desenvolvemento no ámbito local”.

A concelleira do PSdeG-PSOE en Pereiro de Aguiar, Ana Belén Hermida Dibuja, apunta a que a rede “é un instrumento que ofrece ferramentas aos gobernos locais para que acaden os seus obxectivos en relación coa Axenda 2030”. A edil socialista considera que coa adhesión a rede de entidades locais, Pereiro de Aguiar “comprométese a determinar un conxunto de actuacións, que deberán incorporarse nun plan de actuación ou estratexia local, que inclúa unha análise da situación e o famoso plan de localización e implementación”.

Hermida Dibuja tamén pon o foco na necesidade de que, “paralelamente, se inicie un proceso de información e sensibilización para a participación de todos os axentes locais, económicos e as organizacións cidadás representadas na vida municipal e deste xeito se impliquen na implantación da Axenda 2030”. A concelleira socialista tamén lembra que “os concellos que participen na rede deberán asumir, mediante acordo plenario, a declaración en favor da Axenda 2030 aprobada pola FEMP no marco do seu XII pleno”.

A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible foi aprobada pola ONU no ano 2015 e conta con 17 ODS, que van desde a eliminación da pobreza, ata a loita contra o cambio climático, a educación, a igualdade das mulleres, a defensa do medio ambiente ou o deseño das cidades e aldeas”. Neste senso, a Comisión Europea adquiriu o compromiso de alcanzar os ODS para 2030 e situou o Pacto Verde no centro das súas iniciativas de recuperación, asumindo o devandito compromiso tamén o Goberno de España.