Nota do BNG: “O falso policía local” da Bola tiña autorización da alcaldesa para usar un vehículo municipal e “amonestar conductas incívicas”

Malia a demanda de información do BNG, a alcaldesa ocultou un decreto que ela mesma asinou en marzo no que ordenaba o pago dos servicios a un voluntario a quen lle atribúe ter a titulación de “auxiliar de policía local”.

A alcaldesa da Bola, Teresa Barge, ocultou que o home que se fixo pasar por axente de policía local -presentándose diante da veciñanza en condición de axente municipal e vestindo un uniforme falso, e que ademais utilizou o vehículo municipal de Protección Civil, fora autorizado pola alcaldía- foi autorizado pola alcaldía a realizar funcións como “voluntario de protección civil” e a recibir unha compensación económica polos traslados desde Ourense, nun decreto que Teresa Barge asinou o 11 de marzo pasado. Os datos da persoa á que fai referencia o decreto do 11 de marzo coinciden cos da persoa que se presentou diante da veciñanza da Bola e mesmo acabou sendo interrogada pola Garda Civil como protagonista do caso do “falso policía local”. A alcaldesa asinou ese decreto uns días antes de que os medios de comunicación desen ampla cobertura o do caso do “falso policía municipal” que deixou moi mala imaxe do Concello da Bola.

En abril, nunha resposta ás preguntas rexistradas polo BNG da Bola para tratar de determinar a responsabilidade da rexedora no asunto, Teresa Barge (PP) ocultou que o decreto no que autorizaba esta persoa, entre outras cousas, a “amonestar verbalmente” conductas “incívicas” e “ponerse en contacto con otros servicios de seguridad públicos o privados”, así como a “comunicar a las administraciones pertinentes el uso deficitario de equipamientos e instalaciones”.

Publicidade Premer na Imaxe

Nese decreto da alcaldía, o Concello da Bola comprometeuse con esta persoa -presentado como voluntario da agrupación de protección civil da Bola e coa “titulación necesaria”, con referencia expresa á de “auxiliar de policía local”, título que non existe- a un “pago por desplazamiento” desde Ourense “por cada uno de los días que realice tal desplazamiento, al ser requerida su colaboración”. E tamén se lle autoriza “al uso y conducción del coche oficial de protección civil”.

Na resposta ao BNG, a alcaldesa sostivo que non existira relación “contractual” do Concello coa persoa que protagonizou o caso e tampouco explicou quen lle facilitou o acceso ao vehículo municipal de Protección Civil.

O decreto someterase o trámite plenario mañá mércores (14.00 horas) na sesión ordinaria da corporación municipal.

O BNG advirte que a ocultación de información por parte da alcaldesa engade un elemento de irresponsabilidade a esta situación.

As nacionalistas solicitarán da alcaldesa información sobre os pagos realizados a esta persoa por parte do Concello segundo as condicións que se avanzan no decreto. E interpelarán á secretaría e á intervención do Concello da Bola sobre a legalidade do proceder da alcaldesa.

Tamén solicitarán da alcaldesa información sobre as dúas actuacións ás que fixo referencia na súa resposta por escrito ao BNG, na que asegurou que encargara “simultaneamente” un informe xurídico e o subministro dun uniforme. O BNG pedirá á alcaldesa explicacións públicas sobre as razóns que a levaron a solicitar ese informe, canto custou e a que empresa se lle encargou, así como cal foi a empresa á que se lle pediu o uniforme e que razóns deu para non telo enviado o Concello, segundo se xustificou Teresa Barge na resposta o BNG.