A Concellería de Turismo investíu 100.000 euros na mellora dos accesos ao Parque Etnográfico

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Área de Turismo e Industria do Concello do Carballiño rematou os traballos de mellora e asfaltado das vías que dan acceso ao Parque Etnográfico, un dos espazos máis emblemáticos do municipio, no que están emprazados o Muíño das Lousas, o Museo Etnográfico do Río Arenteiro, o cámping municipal, a sede da Sociedade de Pesca e o futuro Museo do Papel. A intervención, valorada en 100.000 euros, permitiu o acondicionamento completo das estradas que comunican a estrada OU-208 (antiga Ourense-Pontevedra) con esta paraxe de interese turística.

“Trátase dunha mellora moi necesaria para facer máis accesible o Parque Etnográfico e poñer en valor unha das áreas naturais e patrimoniais máis importantes do Carballiño”, resalta Manuel Dacal, concelleiro de Turismo e Industria. As obras forman parte da aposta do goberno local por reforzar o entorno do Parque Etnográfico, na que tamén se enmarca a rexeneración do entorno fluvial do río Arenteiro, a mellora de sendas peonís ou a rehabilitación da antiga fábrica da Lavandeira para convertela no Museo do Papel de Galicia.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A actuación incluíu a renovación do firme nun total de 504 metros das vías, así como a pavimentación con lousas de pedra na fronte da Fábrica de Papel. Por outra banda, a intervención realizada permitiu finalizar o peche da paraxe natural da Lavandeira coa colocación dun muro de perpiaños de pedra e a instalación dun módulo de cercado metálico.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------