A alcaldesa de Ribadavia insta a consellería de infraestruturas a sentarse a dialogar co obxectivo de buscar unha solución contra a seca no municipio coa nova captación do río Miño

Dende o grupo de goberno piden a Augas de Galicia que se sente nunha mesa
na procura dunha solución definitiva para os problemas de auga no municipio
e para que se realicen os investimentos necesarios co obxectivo de que esa
nova captación do río Miño se converta nunha realidade
Noelia Rodríguez, alcaldesa de Ribadavia, entende que a nova captación
dende o río Miño “sería a solución definitiva a este tipo de problemas de
ausencia de auga e a opción de futuro para que o acontecido este verán, non
volva a repetirse nun futuro”

A alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez Travieso, vén de instar a Xunta de Galicia, e nomeadamente a Consellería de Infraestruturas, a sentarse a dialogar co obxectivo de buscar unha solución definitiva e a longo prazo que de resposta aos problemas da seca no municipio. A rexedora aposta porque o goberno galego se implique na construción dunha nova estación de captación no río Miño, que permita a Ribadavia contar con auga suficiente e evitar os cortes producidos durante este verán por mor da ausencia de auga nos depósitos municipais, ante os graves problemas producidos pola seca e a falta de choivas.
Dende o goberno municipal de Ribadavia lembran que xa fai un mes que se solicitou
unha reunión con Augas de Galicia, sen obter ningún tipo de resposta ata o momento.
Cabe destacar que o Concello de Ribadavia buscou polos seus propios medios facer
fronte a unha crise sen precedentes, buscando solucións que deran resposta a
problemática da falta de auga. Tras este intenso traballo, conseguiuse unha solución
provisional e urxente, autorizada pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, solucionando
deste xeito a grave crise acontecida este verán.

AVANTAR ACTIVIDADES

A alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez Travieso, salienta que “vivimos
momentos moi complicados e duros, pero o Concello traballou arreo para buscar
solucións e evitar que a veciñanza quedase sen auga”. A rexedora da vila entende que
a nova captación dende o río Miño “sería a solución definitiva a este tipo de problemas
de ausencia de auga e a opción de futuro para que o acontecido este verán, non volva
a repetirse nun futuro”.
Ante esta situación, a alcaldesa de Ribadavia e o seu equipo de goberno tratan de buscar
un diálogo co goberno galego, nunca unha confrontación, na procura de implicar a todas
as administracións na construción desta nova captación. Neste senso, dende o goberno
municipal lembran que a veciñanza “leva pagado durante os últimos 15 anos cartos o
suficientemente importantes polo canon da auga en Galicia, para que estes repercutan
en investimentos na vila”. Cabe destacar, que o Concello de Ribadavia, tamén encargou
actualizar os prezos e o proxecto, que xa estaba en marcha dende o ano 2012.

“O futuro de Ribadavia pasa por esa nova captación dende o río Miño, que remataría por
completo cos problemas de falta de auga e serviría para subministrar a mesma a todos
os veciños e veciñas da vila”, apunta Rodríguez Travieso, que tamén subliña que “para
elo, a Xunta de Galicia, como responsable directa da auga, debe implicarse na tarefa e
aportar investimentos, xa que non chega cos feitos polo Concello e precisamos de toda
a axuda posible para solventar esta problemática”