Manuel Baltar cualifica a Mobile Week Ourense como “un feito innovador que marca tendencia e diferencia o noso territorio na era da tecnoloxía”

No Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde se celebrou o acto inaugural, o presidente da Deputación afirmou que esta segunda edición vén marcada polo reto que supón a candidatura como sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial: “Na provincia ten o lugar ideal pola capacidade de conexión por alta velocidade, pola celebración de eventos como este, pola alianza coa Fundación Mobile World Capital Barcelona ou por acoller o Parque Tecnolóxico de Galicia”

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, puxo a institución a plena disposición de iniciativas como a Mobile Week, “pois temos a obriga de estar implicados en todo aquilo que supoña un avance para a provincia”

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, felicitou á Deputación e o seu presidente por unha iniciativa “que se o pasado ano xa foi significado por conseguila, este ano aínda máis se cabe por consolidala”

O Marcos Valcárcel, ademais da CEO e os xardíns do Padre Feijóo, acolleu esta mañá unha intensa xornada de actividades con iniciativas relacionadas coa promoción de marcas, os fondos europeos, o metaverso, a identificación coa administración pública, a dixitalización do rural, a gamificación con realidade aumentada ou a simulación de condución

Ourense, 15 de setembro de 2022.- O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta mañá a inauguración da Mobile Week Ourense 2022, nunha intensa xornada de actividades que ademais do propio centro cultural tamén tiveron como sedes a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e os xardíns do Padre Feijóo, onde se desenvolveron iniciativas relacionadas coa promoción de marcas, os fondos europeos, o metaverso, a identificación coa administración pública, a dixitalización do rural, a gamificación con realidade aumentada ou a simulación de condución.

No mediodía, o salón de actos do Marcos Valcárcel foi o escenario da inauguración oficial da Mobile Week Ourense, que alcanza a súa segunda edición grazas á alianza entre a Deputación de Ourense e a Fundación Mobile World Capital Barcelona. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, presidiu un acto conducido polo coordinador da Mobile Week Ourense, Fernando Suárez, e no que tamén interviron o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén. 

Manuel Baltar felicitou a Ourense “por ser a única provincia de España que celebra esta iniciativa en coordinación coa Fundación Mobile”, asegurando que se trata “dun feito innovador que marca tendencia e diferencia o noso territorio na era da tecnoloxía”. Un evento onde a innovación “virá do talento, e nos próximos días imos ter aquí moitísimo talento que contribuirá a unha grandísima edición”.

Para Manuel Baltar a expresión clave desta proposta é visión de futuro, pero tamén a colaboración “xa que cooperando somos máis e mellores”, agradecendo deste xeito a confianza dos patróns da fundación para celebrar este evento durante tres anos consecutivos en Ourense, así como a implicación dos patrocinadores e colaboradores. Un labor conxunto que se traduce “unha axenda intensísima na que os maiores e os novos van ter a oportunidade de participar nese obxectivo xeral que é achegar a tecnoloxía á veciñanza da man dos expertos”.

Esta segunda edición da Mobile, afirmou o presidente da Deputación, vén marcada pola capacidade de conexión de Ourense coa capital de España grazas á alta velocidade, que cualificou como “un factor diferencial competitivo”. Todo un reto que ten a súa continuación na candidatura como sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), “que ten na provincia o lugar ideal por esa capacidade de conexión, pola celebración de eventos como este, pola alianza coa Fundación Mobile ou por acoller o Parque Tecnolóxico de Galicia”.

Implicación da universidade nunha oferta tecnolóxica máis completa

Como reitor, Manuel Reigosa puxo á Universidade de Vigo “que ben podería chamarse do sur de Galicia” a plena disposición de iniciativas como a Mobile Week, “pois temos a obriga de estar implicados en todo aquilo que supoña un avance para a provincia”. Ademais de agradecer a Manuel Baltar “a súa implicación con actividades como esta, que van na liña do que nos marca Europa, Reigosa afirmou que as tecnoloxías “non son un fin en si mesmas, senón que deben servir á cidadanía para facer a vida máis fácil e que agromen novas empresas no territorio, afrontando retos moi importantes como a despoboación e a dixitalización no rural”, sinalando neste último aspecto “o pleno acerto da Mobile á hora de levala por todo o territorio” .

Manuel Reigosa subliñou que Ourense e o seu campus teñen un enorme potencial e capacidade no ámbito da tecnoloxía, cun grao e un mestrado en Intelixencia Artificial, xunto con outros proxectos para crear unha oferta dixital aínda máis completa, e a candidatura para acoller a sede da AESIA.

Colaboración da Xunta de Galicia para loitar contra “o medo ao dixital”

Gabriel Alén, pola súa banda, cualificou a programación da Mobile Week Ourense como “un extraordinario evento” e felicitou á Deputación e o seu presidente por unha iniciativa “que se o pasado ano xa foi significado por conseguila, este ano aínda máis se cabe por consolidala”. “As boas ideas son as que parten do territorio”, dixo o delegado, “e aí estará sempre a Xunta co seu apoio”, desta volta colaborando “nunha importante fin de semana para dar a coñecer á cidadanía ourensá todo o potencial das novas tecnoloxías”.

Nestes días, a través de actividades deseñadas para todos os públicos e deslocalizadas, “veremos como as novas tecnoloxías son unha ferramenta para afrontar, entre outros obxectivos, o reto demográfico e loitar contra o medo ao dixital”, afirmou Gabriel Alén, “polo que é vital que consigamos atraer ao maior número de persoas para que participen desta programación”.

Unha intensa primeira xornada inaugural

Entre as charlas programadas nesta primeira xornada, pola mañá destacou a conferencia “Unicornios, cisnes negros e rinocerontes grises. Tecnoloxía e innovación para facer un mundo mellor”, impartida polo experto Jaime García Cantero no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Cantero, xornalista especializado en tecnoloxía, tamén moderou a mesa redonda “Acercando a tecnoloxía ao cidadán”, na que estiveron presentes a directora de CPI de Idom, Sandra Sinde;  o director rexional norte de Viaqua, Marcos Martín; o director xeral de Innovación Tecnolóxica de Abanca, José Valiño; e o coordinador da Mobile Week Ourense e director da área de Transparencia da Deputación, Fernando Suárez. 

Ademais, a sede da CEO acolleu o lanzamento dun proxecto elaborado pola CEO coa colaboración da Deputación e o Inorde para a promoción de marcas ourensás no Marketplace B2B europeo Ankorstore. A xornada foi inaugurada pola xerente do Inorde, Emma González, e a presidenta da CEO, Marisol Novoa, que nas súas intervencións de benvida resaltaron a importancia dun proxecto que busca impulsar a dixitalización das empresas ourensás para a súa internacionalización. Os posteriores relatorios foron protagonizados polas expertas Gloria Gea, Cristina Martínez e Nina Veiras. 

Para completar a xornada, a sede da CEO acollerá esta tarde as charlas “Como obter fondos europeos paso a paso” – de Miguel Ángel Domínguez- e “O Metaverso chegou para quedar”, impartida por Manuel Sánchez Monasterio. E no Marcos Valcárcel, Jose M. Enríquez Trigás abordou os “Mecanismos de identificación coa administración pública”.