O grupo socialista lamenta que o PP se negue a paralizar a peatonalización da senda peonil en Esgos

O grupo socialista lamenta que o PP se negue a paralizar a peatonalización da senda peonil que une as residencias dos Baltar en Esgos con 366.000 euros de diñeiro público

Pablo Arangüena apunta a un caso de “malversación de caudais públicos” que “semella un favor a cambio de facilitar a elección de Rueda” como líder do PP galego

AVANTAR ACTIVIDADES

O parlamentario socialista Pablo Arangüena lamentou hoxe o voto en contra do PP á proposta que presentou hoxe en Comisión Parlamentaria para paralizar a peatonalización da senda peonil que une as casas de Baltar pai e fillo en Esgos con cargo a 366.000 de diñeiro público. Arangüena apunta ao que “semella un caso de malversación de caudais públicos” mostra da “impunidade e cínico descaro” dos Baltar.

Arangüena explicou que a Xunta destinará unha terceira parte dun fondo de 1,1 millóns de euros procedentes do Fondo de Desenvolvemento Rexional para peatonalizar a senda que une as vivendas dos Baltar nunha zona na que “só viven eles e 4 persoas máis”, nun Concello con só 700 residentes permanentes.

Puntualuizou que “nunha estrada entre Ourense e Pobra de Trives, que ten 71 quilómetros, unicamente van ser peatonalizados 3 quilómetros en 2 tramos, un de dous quilómetros en Pereiro de Aguiar e outro de un quilómetro en Esgos”.

Dáse a circunstancia, sinalou o parlamentario socialista, de que o tramo de Esgos coincide “exactamente fronte ás vivendas e propiedades do presidente da Deputación de Ourense, do seu pai, da súa cuñada e da familia da súa muller, e tamén fronte á nave onde o ex presidente da Deputación almacena a súa fantástica colección de 100 coches clásicos”.

Esixiu a paralización inmediata “dunha obra exemplo do poder que ten esa mafia no Goberno de Galicia”, e que “dada a coincidencia no tempo entre a elección de Rueda -como presidente do PPdeG- e o anuncio desta obra, incluso semella que a cambio de facilitar a elección, Baltar esixe favores como esta obra feita á súa medida”. Reclamoulle á Xunta que “evite ese latrocinio” e “dediquen o orzamento non a favorecer aos Baltar, senón a atender ao interese público”.

Arangüena explicou que este investimento “poderían por exemplo facer un Centro de Día para atender á poboación envellecida dun Concello cun orzamento que non chega ao millón de euros”, precisamente “cando as familias de Ourense están sufrindo, como tantas outras, os efectos dunha crise enerxética que afecta a toda Europa e do maior nivel de inflación dende os anos 80”.

Sinalou que esta obra constitúe “un novo episodio da corrupción do Baltarato”, que se leva “perpetuando dende hai 35 anos” dende a Deputación de Ourense, dende onde “foron tecendo unha rede clientelar para perpetuarse como caciques nunha deputación na que máis do 80 por cento dos contratos e subvencións danse a dedo”. Sinalou que esta situación “constitúe un factor de atraso da provincia, unha pesada lousa para o desenvolvemento de Ourense”.