O PPdeG reivindica “a cultura de antes, de hoxe e do futuro” como unha prioridade

IES CHAMOSO LAMAS

Paula Prado e Manuel Baltar participan en Boborás nun acto organizado pola Comisión de Cultura da formación e por Novas Xeracións

• A secretaria xeral pide que ao Goberno central abandone o seu “desprezo absoluto” a Galicia e aprobe o PERTE cultural e destaca o papel clave da mocidade para seguir avanzando no apoio a todos os sectores

OZOCOgz Deseño Galego

• O presidente provincial di que a cultura sempre será unha parte fundamental dentro do “proxecto común, colectivo e forte” do Partido Popular, pois é “o máis importante” e o que diferenza a un territorio

24, setembro, 2022. A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, asegurou que o PPdeG reivindica “a cultura de antes, de hoxe e do futuro” como unha prioridade para o partido, indicando que se trata dun reto no que os populares deben avanzar da man da xuventude.

Así o manifestou na inauguración dun acto organizado pola Comisión de Cultura da organización e por Novas Xeracións de Galicia que tivo lugar en Boborás, onde estivo acompañada polo presidente provincial PP de Ourense, Manuel Baltar, polo presidente de Novas Xeracións, Adrián Pardo, e pola alcaldesa do municipio, Patricia Torres.

Prado sinalou que a cultura non é un compromiso novo para a formación, recordando a demanda ao Goberno central para que atenda as aprobe o PERTE cultural, que permitiría impulsar a nosa cultura cun maior dinamismo e dixitalización en todos os eidos, desde os museos, ata a música, pasando polo sector  audiovisual, o patrimonio histórico ou a lingua galega.

Como lembrou, a Xunta, en consenso co sector cultural, remitiulle ao Estado un PERTE por valor de 400 millóns de euros, no que se recollen proxectos como Ribeira Sacra, esencial para a provincia de Ourense; pero a resposta Goberno de Sánchez foi “o desprezo absoluto” ás peticións de Galicia, algo que xa aconteceu con outros sectores.  Ante esta situación, remarcou que os populares seguirán traballando en ofrecerpropostas centradas en crear un sector cultural asentado en todo o territorio e que se constitúa nun revulsivo económico para todos os municipios galegos.

Así mesmo, subliñou que a mocidade xoga un papel moi importante á hora de avanzar en todos os desafíos de futuro que ten o partido, destacando que, a diferenza dos partidos de esquerda, “que só gobernan para os seus”, o PPdeG é unha formación aberta, democrática e moderna. Sobre isto, puxo en valor o labor de Novas Xeracións, “a organización xuvenil máis importante de Galicia” e á que cada día se incorpora máis xente, explicando a importancia de seguir traballando na liña de moderación para poder chegar e apoiar a todos os sectores.

Pola súa parte, o presidente provincial do PP de Ourense, Manuel Baltar, salientou que a cultura debe formar parte da acción política dos gobernos en todas as institucións. Mostra do compromiso da súa provincia e do seu partido con este obxectivo é a celebración do Festival de cine internacional de Ourense, da Mobile Week, que busca achegar a tecnoloxía e dixitalizar a veciñanza; ou da ICC Week, que acolle en Ourense o marco nacional de industria culturais e creativas.

Nese senso, Baltar insistiu en que dentro do “proxecto común, colectivo e forte” do Partido Popular a cultura sempre será unha parte fundamental, pois é “o máis importante” e o que diferenza a un territorio.

UNHA CULTURA DE FUTURO

A acto contou coa celebración da mesa redonda Novos creadores, unha cultura de futuro, moderada polo presidente provincial de Novas Xeracións da Coruña, José Miguel Mahía, e na que participaron o concelleiro de Cultura en Mondoñedo, Alberto García, a voceira do PP en Monforte de Lemos, Katy Varela, o voceiro do PP de Ribadavia e vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, a concelleira de Cultura e Normalización Lingüística en Marín, Beatriz Rodríguez, e a concelleira de Cultura en Sanxenxo, Paz Lago.

No evento tamén participaron o membro do Comité Nacional de Cultura de Nuevas Generaciones, Eyner Fernández, e Valentín García Gómez, que interviñeron antes da clausura, que corre a cargo do presidente provincial de Novas Xeracións de Ourense, Nacho Campo, e do coordinador de Cultura do PPdeG, Daniel Chapela.