Comunicado de Xuntos por San Amaro

O Pleno do pasado 20 de setembro marcou un punto de inflexión na política municipal do
San Amaro. Vimos un alcalde populista usando o Salón de Plenos como un plató para a
promoción da súa persoa e do seu partido político, facendo un mítin diante do medio de
comunicación que el mesmo convocou.
Porén, e por moi desagradable que pareza, non é isto o que máis nos preocupa. O máis
alarmante é a cantidade de falsedades que o actual alcalde do San Amaro se atreveu a
dicir na sede da soberanía municipal sen sequera dar opción a rebatilas. O menosprezo,
a retirada da palabra, as interrupcións constantes e mesmo os insultos, foron unha
constante durante todo o Pleno cara o portavoz de Xuntos por San Amaro, Carlos Paz,
raiando nun comportamento antidemocrático, como non se tiña visto até o momento.
Puidemos constatar un certo abuso de poder por parte do sr. Redondo e un acoso
político ao portavoz deste grupo municipal, que se evidenciara nos últimos meses
através da ocultación de información e veu a confirmarse con este comportamento no
pleno do pasado día 20. Mais, se cabe, aínda hai algo máis alarmante: a ausencia de
explicacións sobre as irregularidades que comprobamos na nosa limitada acción de
oposición, tanto no que atinxe á contabilidade municipal como ao soldo do propio
alcalde.

Así as cousas, e seguindo co noso obxectivo de recuperar a normalidade e a
transparencia no noso concello, emprendemos dúas accións dirixidas a aclarar as
cousas. Por unha banda, ao longo desta semana, recolleremos no noso blog boa parte
das mentiras e das medias verdades que o alcalde dixo no Pleno, poñendo un pouco de
luz sobre elas, con datos, non con falabaratos.
E por outra, o portavoz municipal de Xuntos por San Amaro, Carlos Paz, trasladarase
na mañá de hoxe luns 26, a Santiago de Compostela para presentar un escrito diante do
Consello de Contas de Galicia, no que trasladará as posibles irregularidades na
contabilidade municipal e no soldo do alcalde, sobre as que este último non quixo dar
explicacións no pleno.
A presentación no Rexistro do Consello de Contas, nas súas oficinas sitas na rúa
Domingo Fontán, terá lugar ás 11.30 h. da mañá do día de hoxe na capital de Galicia

AVANTAR ACTIVIDADES