O PsdeG impulsa que se lle conceda ao escultor Xosé Cid Menor a medalla de ouro da provincia

O PSdeG-PSOE de Ourense defenderá este venres unha moción para instar á Deputación a concederlle ao artista Xosé Cid Menor (Santa Cruz da Rabeda, 4 de agosto de 1946) a Medalla de Ouro da provincia, en recoñecemento pola súa ampla traxectoria e legado artístico. O grupo socialista avoga por outorgar este recoñecemento a un artista que cualifican de “prolífico” e cuxa obra inclúe creacións tan senlleiras como a Castiñeira e o monumento a Eduardo Blanco Amor de Ourense, o monumento a Breogán da Coruña, o Afiador en Santiago de Compostela ou os moitos San Rosendos repartidos pola provincia de Ourense.

As e os deputados socialistas visitaron esta mañá a casa-museo do “artista da Rabeda”, na localidade da Pousa de Santa Leocadia, pertencente ao concello de Taboadela, onde puideron contemplar máis de preto a súa extensa obra e entrar en contacto co taller no que o artista traballa o bronce, o barro, a madeira, o mármore ou o granito que dan corpo ás súas creacións, caracterizadas pola presenza da curva.

AVANTAR ACTIVIDADES

“A curva de trazado sinuoso, de formas suxestivas ou rotundas; a curva de suaves redondeces, a curva de grandes volumes ou a curva na temática da figura humana”, destacan os socialistas no texto da iniciativa, en relación á linguaxe escultórica do autor, sobre a que sinalan que foi mudando cara a unha “versatilidade plástica máis figurativa”, froito do seu empeño en “buscar a innovación” e “explorar outras posibilidades creativas” ao longo dos anos.

O deputado e alcalde de Taboadela, Álvaro Vila, aproveitou a visita á casa do escultor para pór en valor a importancia da obra de Cid, un artista “autodidacta”, a quen o contacto coa obra do francés Auguste Rodin o levou a aprender o oficio de tallista con tan só 11 anos. “Nos anos 70 coñeceu ao grupo dos “Artistiñas” –unha xeración de creadores a quen Vicente Risco bautizou con ese nome–, e empezou a frecuentar o ‘Volter’, momento no que a súa obra empezou a coller impulso”, abundou Vila.

“Hoxe estamos aquí para recoñecer e honrar o legado dun artista único que contribuíu poderosamente a proxectar e dinamizar a arte galega en xeral, e a produción ourensá en particular, e para pedir que se lle outorgue unha medalla máis que merecida a unha traxectoria extensa e extraordinaria” subliñou Vila, ao tempo que manifestou o seu “profundo orgullo” por contar “cun artista da altura de Xosé Cid entre os veciños desta aldea de Taboadela”. 

A obra de Xosé Cid

A obra artística de Xosé Cid pode contemplarse en espazos públicos coma o Parque Escultórico da Torre de Hércules (A Coruña), o Pazo de Vilar de Arin, a praza de Paz Nóvoa, a igrexa de Santa Eufemia, o colexio público de Melón ou a fachada da casa reitoral de Soutopenedo, así como no Instituto de Carboquímica do CSIC de Zaragoza.

Na cidade de Ourense, o escultor conta con numerosas obras destacadas como son o monumento á Castiñeira (2001), na rúa do Paseo, o monumento a San Rosendo (1985), na intersección entre as rúas Xoán XXIII e Progreso, ou o coñecido monumento a Eduardo Blanco Amor (2007), na praza do Bispo Cesáreo.

A carreira do escultor foi recoñecida co Primeiro Premio Mestre Mateo e coa terceira medalla da Trienal de Santiago de Compostela.