O PsdeG anuncia alegacións contra os orzamentos da deputación para 2023 tras detectar “iregularidades”

O PsdeG anuncia alegacións contra os orzamentos da deputación para 2023 tras detectar “iregularidades” e denuncia un reparto de fondos públicos “escurantista e discrecional” que só fomenta a “discriminación”

Rafa Villarino alega que o reparto de fondos públicos “é insultante e discrecional, porque parece que vivir na provincia de Ourense ten custes para os concellos que non son do PP”

AVANTAR ACTIVIDADES

Elvira Lama acusa a Manuel Baltar de “mentir descaradamente” e de “non coñecer o territorio” e sinala que “estamos ante unha perversión máis dun presidente que premia a concellos tránsfugas e da súa cor”

Ourense, 6 de outubro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de anunciar que presentará alegacións contra os orzamentos da Deputación de Ourense para 2023, tras detectar “numerosas irregularidades”, algunhas delas “insultantes”. Os e as socialistas denuncian que o reparto de fondos públicos que fai o ente provincial segue a ser, por eneísima vez, “escurantista, discrecional e partidista” e que con estas “prácticas caciquís” só se fomenta e afonda na “discriminación” dos cidadáns da provincia, “considerándoos de primeira e de segunda”.

Dende o Grupo Provincial Socialista afirman que “non estamos de acordo co reparto que se fai dos fondos públicos dun xeito discrecional e clientelar” e sinalan que “discrimínase a cidadanía, xa que os cartos públicos deberían ser para todos iguais, e non primar a cor política ou o transfuguismo”. Os e as socialistas abren tamén a posibilidade de acudir a vía xudicial co obxectivo de deter unha “aberración”, na que o presidente, Manuel Baltar, “emprega cartos públicos de todos para beneficiar a uns cantos de xeito caprichoso e ególatra”. Neste senso, fai fincapé en que o PSOE “é o único partido que leva loitando durante todos estes anos porque Ourense teña un reparto xusto, equitativo e transparente dos fondos públicos e nesa liña imos a seguir pelexando”.

A vicevoceira do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense e alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, acusa a Manuel Baltar de “mentir descaradamente”, cando afirma que se atende a todos os concellos por igual, xa que segundo apunta “non atende as peticións que son necesarias e urxentes nin de concellos do PSOE, nin dalgúns do PP”. A deputada provincial considera que o presidente da Deputación “descoñece profundamente o territorio” e sinala que “estamos ante unha perversión máis dun presidente que premia a aqueles concellos tránsfugas, nos que consegue mercar concelleiros e que finalmente son os que resultan agraciados ano tras ano con proxectos e subvencións”.

Lama Fernández destaca que atendendo a comparativa con outras deputacións provinciais “onde si se distribúen os cartos públicos de forma equitativa e atendendo as necesidades de cada concello, atopámonos con datos demoledores”. A vicevoceira socialista pon como exemplo o plan de igualdade da Deputación de Pontevedra, que distribúe cada ano 1,5 millóns de euros entre 51 concellos para proxectos e para fomentar a igualdade real e efectiva. “Aquí Baltar entende a igualdade por contratar a unha protagonista feminina, con características determinadas e precisas, e a que só lle falta poñerlle nome e apelido, co obxectivo de promocionar unha marca, Ourense Termal, que está mal xestionada e en mans privadas”.

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense e voceiro do grupo socialista na Deputación, Rafael Rodríguez Villarino, alega que o reparto de fondos públicos “é insultante e discrecional, porque parece que vivir na provincia de Ourense ten custes para os concellos que non son do PP e incluso para algúns da cor dos populares”. O líder dos socialistas ourensáns tamén sinala que “xa basta de escudarse en que temos un orzamento inferior a outros deputacións, xa que a Deputación de Ourense é a segunda deputación que máis fondos recibe de forma equitativa por parte do Estado, concretamente 280,78 millóns, polos 186,17 que leva Pontevedra e os 174,64 de A Coruña”.

Villarino tamén pon o foco nos incumprimentos “flagrantes” da Lei de Bases Reguladoras de Facenda Local e da Lei de Base do Réxime Local, xa que segundo explica “non se teñen en conta aos concellos a hora de participar nos plans de cooperación, faltan criterios obxectivos e equitativos e tampouco figuran os anexos do plan de cooperación”. O secretario provincial dos e das socialistas ourensás destaca que “o que máis se repite na Deputación de Ourense é o contrato menor” e apunta a que dos últimos contratos menores do ente provincial “12 son da mesma cantidade 39.699,42 € e 17 lévaos a mesma empresa”.

Dende o Grupo Provincial Socialista tamén destacan que segundo un índice do Ministerio de Facenda, a Deputación de Pontevedra transfire un 33,77% dos fondos que recibe aos concellos, namentres ca de Ourense, tan só transfire un “ínfimo” 0,03%. Unha situación que os e as socialistas achancan ao “reparto discrecional, a que a Deputación executa as obras e non transfire os fondos aos concellos e a que se coarta a realización dos plans de cooperación, adxudicando a través de contratos menores”. O PSOE tamén pon como exemplo os fondos que recibe o concello de Cerdedo-Cotobade en Pontevedra, cunha poboación similar a Ribadavia, que percibe da Deputación de Pontevedra 744.093 €, o que supón 132 euros por habitante, namentres que en Ribadavia, coa mesma poboación, só recibe 51.000 €, 10 euros por habitante.