O grupo popular recoñece o firme compromiso e a responsabilidade de Rodríguez Lamas, que seguirá traballando a prol da veciñanza como concelleiro e tamén a nivel orgánico, integrado na xestora do PP de Cenlle
Rebeca Sotelo Fernández, ata hoxe primeira tenente de alcalde e presidenta da xestora, asume o bastón de mando e o liderado do Partido Popular de Cenlle ata as vindeiras eleccións municipais de maio de 2023
José Manuel Rodríguez Lamas, alcalde do Concello de Cenlle, renunciou esta mañá nun pleno extraordinario á seguir desempeñando o cargo debido a problemas persoais. Nunha nova mostra do súa implicación con Cenlle, o ex rexedor mantén o seu compromiso de seguir a traballar a prol do benestar da veciñanza dende a súa posición de concelleiro.
Neste sentido, o grupo popular de Cenlle recoñece o importante labor desempeñado por José Manuel Rodríguez despois de acceder á Alcaldía en plena pandemia, e agradece o seu firme compromiso e responsabilidade renunciando ao cargo e poñerse á disposición do partido. Rebeca Sotelo, ata hoxe primeira tenente de alcalde, asume o bastón de mando co obxectivo, explica, de seguir a liña de traballo marcada por Rodríguez Lamas.
Os populares de Cenlle salientan a implicación de José Manuel Rodríguez cos intereses do municipio, e de aí a súa disposición para seguir traballando dende o seu mencionado rol de concelleiro así como tamén a nivel orgánico integrado na nova xestora dos populares, presidida por Rebeca Sotelo. Un órgano que ten como obxectivo preparar as próximas eleccións municipais e seguir avanzando no futuro de Cenlle.
REBECA SOTELO LIDERARÁ O PP DE CENLLE ATA AS MUNICIPAIS
Rebeca Sotelo Fernández liderará o PP de Cenlle ata as vindeiras municipais de maio de 2023. Sotelo Fernández ten 35 anos e é empresaria do sector vitivinícola. Dende o pasado 5 de outubro preside a xestora do PP de Cenlle; xestora da que tamén forman parte José Manuel Rodríguez, o resto de concelleiros populares e os exalcaldes Gabriel Alén e Manuel García Montero, este último nomeado presidente de honra.
Todos manifestan o seu profundo interese e implicación en seguir traballando coa mesma ilusión de sempre e seguir reforzando a folla de ruta dos populares neste municipio, a fin de acadar un extraordinario resultado nas eleccións de maio de 2023, que permita ao equipo de goberno popular seguir consolidando o potencial turístico e o benestar da veciñanza de Cenlle.
IMPORTANTES LOGROS ACADADOS NOS ÚLTIMOS ANOS
O grupo municipal do PP de Cenlle lembra os importantes logros acadados nos últimos anos. Fitos tan importantes coma o bombeo do Miño, que garante auga de xeito permanente a pesar da seca, ou a renovación das luminarias LED en todo o municipio, para avanzar na eficiencia enerxética e loitar contra o cambio climático e a alza de prezos da enerxía. Ademais, dentro dos obxectivos de goberno acadados recentemente en Cenlle sobresaen o paseo fluvial ou a aposta polo termalismo e pola recuperación dos núcleos despoboados e as terras abandonadas.