O Psedg alega o programa de cooperación de Jácome e Baltar por considerar á Deputación Ourensá “cooperador necesario dun fraude de lei institucionalizado”

O PSdeG-PSOE vén de alegar ás bases do programa de cooperación asinado entre o Concello e a Deputación de Ourense, por considerar á institución provincial un cooperador necesario dun fraude de lei institucionalizado, artellado por Gonzalo Pérez Jácome e Manuel Baltar “a dúas mans e só en beneficio persoal de ambos”, co fin de eludir os controis xurídicos e políticos que deben rexer todo gasto público.

As alegacións ás bases deste programa de cooperación asinadas por todo o Grupo Provincial Socialista, consideran á Deputación ourensá como “cooperador necesario dun fraude de lei institucionalizado”, baseado en “facer achegas de contías testemuñais e insignificantes” a proxectos do Concello da terceira cidade de Galicia, para que “opere de xeito irregular”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para os e as socialistas “resulta obvio” que, por razón da “escasa contía cofinanciada”, a causa subvencional non é a económica e si “revestir xuridicamente a posibilidade da prórroga orzamentaria no Concello de Ourense para o desenvolvemento das obras financiadas, eludindo así os controis políticos e xurídicos necesarios para imputar aos vindeiros orzamentos cantidades asignadas a este plan”.

O voceiro, Rafa Villarino, destaca que o acordo supón aportar, por parte da Deputación de Ourense, o 0,0008 % do custe total dun conxunto de obras (10 millóns de euros) do concello da capital cun “único obxecto” como é “ratificar un xeito de facer de Jácome absolutamente ineficaz”, xa que “é incapaz de executar as obras nos prazos establecidos e así pode estendelas ata as vindeiras eleccións municipais”.

“Reverter como subvención directa esta falsa cooperación entre administracións públicas é un fraude de lei”, insiste Villarino antes de subliñar que “estamos diante de algo que nos impide mirar cara outro lado”, ante esta “singular alianza” entre o PP de Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Jácome.

Segundo os expertos consultados polo PSdeG-PSOE, pódese concluír que “estamos ante a utilización indebida dunha institución xurídica como é o plan de cooperación, para revestir unha subvención directa fóra dos cauces legais, o que determinaría, sen lugar a dúbidas, a nulidade das actuacións”.

O documento detalla que “non consta acreditada a concorrencia” das circunstancias esixidas na Lei 38/2003 para a concesión directa de subvencións, como é o caso que nos ocupa, debido “á inexistencia dunha convocatoria pública”, senón que “a verdadeira causa” atopámola na solicitude do Concello, cando asegura que son “proxectos, todos eles de carácter urxente e inaprazable que, á data de hoxe, se atopan en risco por dificultades económicas e xurídicas derivadas dos orzamentos prorrogados cos que se está a operar”.

A concesión directa destas subvencións debe ter sempre un “carácter excepcional” e só serán posibles cando se “acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública”, insisten as alegacións.