O Psdeg impulsa unha iniciativa para que Ourense sexa a sede da futura Axencia espacial española

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar unha iniciativa municipal a prol de impulsar a candidatura da cidade para acoller a futura sede da Axencia Espacial Española (AEE). A moción, que será defendida no vindeiro pleno de novembro, xa conta co acordo do Concello e da Universidade para a súa materialización en tempo e forma. Os socialistas instan a “non deixar pasar esta oportunidade”, posto que Ourense conta cun ecosistema universitario e empresarial vencellado á aeronáutica e “cumpre sobradamente o resto de requisitos para acoller esta nova axencia”.

Trala rolda de prensa, o voceiro municipal, Rafa Villarino, e o edil Xosé Rúas mantiveron un encontro co alcalde no deron traslado da iniciativa a Gonzalo Jácome, quen comprometeu o apoio político e técnico necesario para presentar a candidatura antes de que venza o prazo, o vindeiro día 7 de novembro.

AVANTAR ACTIVIDADES

“O alcalde confirmou que presta o seu apoio político e os recursos técnicos dispoñibles no Concello para presentar a candidatura en tempo e forma” sinalaron os socialistas á saída da reunión co rexedor. “Xa estamos establecendo contacto cos demais grupos políticos para pedir o seu apoio e incluso durante a reunión mantivemos conversacións simultáneas coa universidade de Vigo, que manifestou a súa vontade de colaboración nos aspectos técnico-académicos que requira a iniciativa”, abundaron.

No texto da iniciativa, o grupo socialista destaca que “os e as ourensás non podemos quedar á marxe do proceso de descentralización e desconcentración iniciado polo Goberno de España por mor da deslealdade da Xunta de Galicia coa nosa cidade” e salientan que “dado que a normativa estatal permite que sexan as corporacións locais, e non só os executivos autonómicos, os que propoñan as candidaturas, dende o PSdeG-PSOE de Ourense instamos ao Concello a reclamar para esta cidade a nova sede da AEE”.

Neste sentido, destacan que, logo de que o goberno autonómico rexeitara apoiar a candidatura de Ourense para acoller a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), “unha das maiores aldraxes que se recordan contra Ourense”, o PSdeG-PSOE ten a obriga de “seguir a loitar polo futuro desta terra e atopar vías alternativas”, motivo polo que levarán unha moción ao vindeiro pleno municipal a prol de que o Concello ourensán solicite acoller a Axencia Espacial Española, un compromiso que xa foi expresado favorablemente esta mañá.

“Unha vez máis, cumprimos os requisitos que nos habilitan para acoller esta nova sede, entre eles, ter o grao de Enxeñaría Aeronáutica, e ademais temos empresas coma Egatel, Coasa ou LaddesWorks, que achegan tecido e empresarial”, incidiu o voceiro, quen resaltou que “contamos con infraestruturas das que outras candidatas carecen, coma unha estación á que chega a alta velocidade e aeroportos a menos dunha hora de distancia, ademais de excelentes comunicacións co norte de Portugal e coa meseta”.

“Ourense é a única das aspirantes que cumpre cos requisitos tecnolóxicos, de formación e despoboamento” incidiu Villarino, ao tempo que reivindicou que “mentres na Deputación se aledan de que A Coruña leve a AESIA, nós aledámonos de que Ourense poida acoller a AEE”.

O grao en Aeronáutica: unha peza clave

Pola súa banda, o edil Rúas destacou que “a única escola de Aeronáutica e Espacial que existe en Galicia e no noroeste de España está precisamente en Ourense”, ao tempo que anunciou, como membro do Consello da Universidade de Vigo, a próxima creación do Instituto de Investigación Aeroespacial, pendente de votación por parte deste órgano: “evidentemente, isto reforzará notablemente a candidatura”, sinalou.

O edil aproveitou para solicitarlle á Xunta que aplique criterios de xustiza acordes aos que se esperan dun proceso destinado a “descentralizar a administración estatal”. “Evitemos que o rico sexa cada vez máis rico, e o pobre cada vez máis pobre; a discriminación positiva significa darlle máis a quen máis o precisa e non a quen máis ten”, enfatizou.

A Axencia Espacial Española

Este organismo público, cuxa creación aparece recollida reforma da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación, conta cun compoñente dedicado á Seguridade Nacional e permitirá coordinar as políticas nacionais sobre o espazo, así como a participación de España en programas internacionais neste ámbito, ademais de ser unha ferramenta imprescindible para o avance da ciencia.