O Psdeg impulsa no congreso medidas para asegurar vivenda social e accesible nos municipios rurais

O PSOE impulsa no Congreso medidas para asegurar vivenda social e alcanzable nos municipios de Ourense e doutras zonas do Estado que sofren risco grave de de despoboamento. “A demografía é un dos principais retos, se non o principal, que debe afrontar a nosa provincia e por iso, os e as socialistas poñemos o foco nel co fin de aportar solucións realistas, efectivas e accesibles que permitan darlle a volta á crise demográfica que nos sacode”, sinala a deputada Uxía Tizón.

A través dunha iniciativa que se debaterá e votará na Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana da Cámara Baixa, reclaman ao Goberno de España que “en colaboración con todas as administracións públicas e con pleno respecto ás súas competencias na materia, promovan medidas que aseguren a oferta de vivenda social e alcanzable nos municipios rurais, principalmente naqueles que sofren o risco de despoboamento, co obxectivo de atraer e fixar nova poboación”.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Non existe en todo o Estado español e na meirande parte da Unión Europea un territorio que sufrira unha sangría demográfica coma a de Ourense, que perdeu máis de 136.000 habitantes nas últimas catro décadas”, recorda Tizón antes de sinalar que “por iso o PSOE e o actual Goberno central teñen claro que hai que actuar canto antes en zonas como a nosa provincia, co fin primordial de darlle a volta a esta catástrofe”.

Esta proposta súmase ás iniciativas postas en marcha durante as dúas últimas lexislaturas por parte do Goberno de España, no marco da estratexia do executivo presidido por Pedro Sánchez para frear o declive demográfico de boa parte da península ibérica, como son o Plan de Vivenda para o alugueiro accesible, cuxo obxectivo é a construción de 100.000 vivendas para arrendamento social ou o Plan de 130 medidas ante do Reto Demográfico, que busca chegar a todos os pequenos municipios da España baleirada.

“Todos eles son proxectos ambiciosos que buscan a mellora inmediata da oferta pública de vivenda social e alcanzable”, sinalan os e as socialistas na proposta do Congreso, ao tempo que salientan, unha vez máis, a necesidade de executar un “plan realista, efectivo e ambicioso que permita unha colaboración continua entre axentes públicos e privados”. “Este debe ser un plan de país a medio prazo que reciba apoio e consenso unánime”, remachan.

Desde o PSOE teñen claro que “gran un parque público de vivenda asequible e asimilable ao que existe no resto de Europa”, será un “elemento imprescindible” para “contribuír a garantir que todos e todas, vivan onde vivan, poidan acceder e gozar do dereito á vivenda que recoñece a Constitución Española e, desta maneira, poder desenvolver o seu proxecto de vida”. O parque de vivenda social de titularidade pública en alugueiro existente en España supón, aproximadamente, o 2,5  % do total, mentres que en países como Holanda ou Dinamarca esta porcentaxe alcanza o 30  %. A media da Unión Europea é superior ao 9  %.

Por iso defenden que esta proposta, xunto ao resto de medidas do Goberno central, son “un piar de futuro” para os aos municipios en reto demográfico (6.827 poboacións con menos de 5.000 habitantes que concentran a 5,7 millóns de persoas, é dicir, a maioría dos municipios de Ourense), posto que “a ausencia de vivenda é un dos maiores problemas aos que se enfronta a loita contra o despoboamento”.

A deputada ourensá conclúe insistindo en que é “necesario e urxente que axentes privados e administracións públicas con competencias na materia, contribúan a seguir promovendo medidas deste calado, co fin de asegurar a oferta de vivenda social e alcanzable en zonas rurais”, especialmente naquelas como Ourense que sofren o problema do despoboamento, porque “está comprobado que actuacións deste tipo contribúen a fixar nova poboación nestes territorios, ademais de favorecer a cohesión territorial”.