O PP proporá dez iniciativas marcadas polo seu carácter social e medio ambiental, ademais de reforzar a aposta polos servizos públicos e a cultura

As iniciativas foron consensuadas coa deputada non adscrita Monserrat Lama, nun decálogo que segundo o portavoz popular, Plácido Álvarez, nace “da realidade da nosa provincia e se constrúe a partir de escoitar aos veciños, concellos e o tecido socioeconómico”

Plácido Álvarez remarca a “visión provincial deste decálogo, que pretende tecer novas liñas de cooperación mentres aposta polas nosas potencialidades e reforza o carácter social e medio ambiental deste goberno provincial”

AVANTAR ACTIVIDADES

O voceiro recoñece o traballo do BNG, que participará no debate coas súas dez propostas, fronte o “absentismo” do PSOE de Rafa Villarino: “Unha vez máis temos que lamentar a ausencia dos socialistas. En lugar de traballar para mellorar Ourense deixan as súas cadeiras baleiras nunha actitude tan irresponsable como autodestrutiva”

Ourense, 2 de novembro de 2022.- O grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Ourense rexistrou esta mañá o seu decálogo de propostas para o debate sobre o estado da provincia que se celebrará o próximo martes, 8 de novembro, documento no que se fai constar que as iniciativas foron consensuadas coa deputada non adscrita Montserrat Lama.

O voceiro popular, Plácido Álvarez, remarca que estas propostas “volven a demostrar unha acción de goberno marcada pola visión provincial para atender aos retos de Ourense dende unha perspectiva supramunicipal, tecendo novas liñas de colaboración cos concellos, apostando polos nosos motores económicos e identitarios, como o termalismo; cun marcado carácter social, reforzando a loita contra a soidade e  as fendas de xénero; e avanzando na sostibilidade”.

O decálogo de iniciativas, destaca Álvarez, “nace da realidade da nosa provincia e se constrúe a partir de escoitar as demandas e as necesidades dos veciños e de todo o tecido socioeconómico da provincia”.

“Por iso, este decálogo aposta por avanzar na potenciación do termalismo cun programa de dixitalización e tamén enfronta a crise enerxética a través da Oficina Provincial da Sostibilidade; ademais do Plan de travesías accesibles, sostibles e seguras, marcado pola redución de emisións de CO2 e a mellora da accesibilidade e seguridade”, explica o voceiro do grupo provincial popular, que remarca a obriga de blindar “os mellores servizos públicos para os veciños dos 92 concellos ourensáns, nunha liña de traballo na que tamén propoñemos a creación do servizo provincial de prevención e control nos servizos do ciclo hidráulico e dos residuos municipais”.

Ademais, no ámbito da cooperación, “queremos impulsar a creación dunha plataforma inmobiliaria do rural e a reforzar aínda máis a eficacia do servizo de axuda no fogar prestado polos concellos en colaboración coa Deputación de Ourense”. Porque, explica Plácido Álvarez, o carácter social marca a este goberno provincial: “E volve a quedar demostrado nun decálogo no que tamén sobresae o novidoso programa contra a soidade non desexada, a promoción da igualdade de xénero a través do deporte e o programa de actividades inter xeneracional”.

O decálogo complétase coa proposta para activar unha exposición itinerante, “Ourensanía no Tempo”, para “difundir a historia de Ourense e seguir creando provincia”, segundo remarca o voceiro do grupo provincial do PP.

O voceiro popular quixo recoñecer o traballo do BNG, que participará no debate do próximo martes coas súas dez propostas, fronte o “absentismo” do PSOE de Rafa Villarino: “Unha vez máis temos que lamentar a ausencia dos socialistas. En lugar de traballar para mellorar Ourense deixan as súas cadeiras baleiras nunha actitude tan irresponsable como autodestrutiva”

Relación de propostas

1.- Medio Ambiente

Creación do servizo provincial de prevención e control nos servizos do ciclo hidráulico e dos residuos municipais. No marco das competencias de asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica cos concellos da provincia, proponse a creación dun servizo provincial, que actuando por delegación e de xeito supramunicipal asuma as funcións municipais de prevención e control de servizos relacionados co medio ambiente, como os do ciclo da auga ou dos residuos municipais xestionados de modo directo polas administracións locais.

No desempeño, mediante persoal funcionario provincial incluirá, na prevención, a concienciación, a formación e a información á cidadanía; e no control, as funcións de vixilancia e inspección, así como a potestade sancionadora.

2.- Termalismo

Dixitalización de “Ourense, a Provincia Termal”. Poder reservar ao momento, a calquera hora, un tratamento termal nun balneario de Ourense dende calquera punto de España e a través dun dispositivo móbil.

3.- Servizos Sociais

Posta en marcha do Plan Provincial contra a Soidade non Desexada. A  Área de Benestar da Deputación de Ourense implantará no 2023 un Plan Provincial contra a Soidade non Desexada. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) a soidade non desexada é un dos maiores riscos para o deterioro da saúde das persoas maiores.

A porta de entrada a este Plan será o Servizo Provincial de Teleasistencia, o recurso público de asistencia permanente, 24 horas ao día, os 7 días da semana, para atender ás persoas maiores que residan no seu fogar e que pola súa idade ou calquera outra circunstancia vital necesitan un soporte telefónico permanente para calquera caso de emerxencia así coma un seguimento semanal da súa situación sociosanitaria.

A data de hoxe reciben este servizo máis de 2.000 persoas -un 75% viven soas- sendo este colectivo no que se focaliza o plan, aínda que non de maneira exclusiva.

4.- Servizos sociais municipais

Operatividade do SAF 091, conseguindo unha administración local máis eficiente. Conquerir o avance e homologación na xestión administrativa e operativa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) municipal dos 91 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.

5.- Sostibilidade

Creación da Oficina Provincial da Sostibilidade. Coa función de asesorar a empresas e familias na adopción de enerxías renovables nos seus fogares. Para aforrar combustible e mellorar o medio ambiente a través da enerxía solar ou a biomasa. Un punto de información para coñecelas opcións ou as convocatoria de axudas.

6.- Cooperación

Ourense, Plataforma inmobiliaria do rural. Crear unha ligazón actualizada na web da Deputación con tódalas webs que os concellos da provincia de Ourense teñan para ofertar vivendas tanto para mercar como para alugar, reforzando a visión provincial neste eido.

7.- Benestar

Programa de actividades interxeneracionais. Para reforzar a cohesión da nosa provincia, é necesario tecer un fío entre xeracións. Fronte aos riscos dunha sociedade que, pese a dispor de máis facilidades que nunca para conectarse, presenta importantes problemas de illamento e incomunicación, cómpre promover o intercambio de coñecementos, experiencias e visión entre mozos e maiores.

8.- Infraestruturas

Plan de travesías accesibles, sostibles e seguras na rede provincial. Repavimentación para garantir a redución de emisións de CO2 provocadas polos deterioros estruturais e superficiais do pavimento -as fendas en rodadas, fochancas ou desintegracións incrementan ata un 9% as emisións de CO2-. Ademais, búscase a mellora da accesibilidade e seguridade nos itinerarios peonís e nos cruces de peóns, coa implantación de medidas de calmado de tráfico, como as zonas 30, pasos de peóns sobreelevados e redutores de velocidade.

9.- Cultura

Ourensanía no Tempo. Posta en marcha dunha exposición itinerante que difunda a historia de Ourense, curiosidades e personalidades de tódolos ámbitos para afondar no noso orgullo de pertenza.

10.- Igualdade

Proxecto “Nena e deporte”. Promoción da igualdade de xénero e prevención da brecha de xénero, utilizando como ferramenta o deporte. Programa online e actividades presenciais dirixidas a centros escolares e clubs deportivos de toda a provincia.