A CEO en colaboura con Vento Avogados e Asesores, tratou o tema da videovixilancia e monitorización en ámbitos laborais

Na xornada de hoxe, Pablo Guntiñas e Gloria Pire, expertos de Vento Avogados e Asesores analizaron, desde un punto de vista práctico, as obrigacións da empresa contidas na Lei Orgánica de Protección de Datos e Garantía de Dereitos Dixitais en materia de videovigilancia nos centros de traballo, monitorización de computadores das persoas traballadoras e uso dos datos obtidos mediante a instalación de GPS. Marisol Nóvoa, presidenta da CEO, introduciu aos relatores e destacou a importancia de coñecer a través deste ciclo de conferencias, os casos prácticos do uso de medios tecnolóxicos no traballo, ‘nun momento tan dixitalizado como o actual’.

O obxectivo destas charlas organizadas pola CEO é analizar o impacto e a implantación das novas tecnoloxías no ámbito laboral, alén do seu correcto uso, e a de hoxe comezou analizando a videovigilancia explícita a través de cámaras ocultas e como adaptar o uso destes medios e o dereito á intimidade fronte ao uso de dispositivos de gravación. Igualmente, abordaron a fiscalización empresarial das comunicacións telemáticas especificando que a empresa pode acceder aos contidos derivados do uso de medios dixitais facilitados aos traballadores só para controlar o cumprimento das obrigacións laborais e garantir a integridade deses dispositivos. Ademais, débense establecer criterios de utilización destes dispositivos dixitais respectando os estándares mínimos de protección da intimidade consonte os usos sociais e os dereitos recoñecidos constitucional e legalmente.

AVANTAR ACTIVIDADES

Por tanto, hai que establecer un protocolo de uso de medios informáticos nos lugares de traballo no que é imprescindible fixar as regras para o uso de dispositivos dixitais ou informáticos, así como as normas para utilizar correo corporativo e no caso de que estea autorizado o uso persoal destes medios é fundamental fixar en que momento é así. Este protocolo tamén debe informar das posibles sancións en caso de incumprimento. Os relatores abordaron tamén os límites á monitorización de computadores e determinaron que se establecen dous requisitos para a validez do control empresarial, por unha banda a comunicación previa e, por outro, o principio de proporcionalidade (medida idónea, necesaria, proporcional e xustificada).

No caso do uso do GPS en vehículos empresariais, é fundamental respectar o dereito á intimidade neste uso, e a empresa, con carácter previo, debe informar de forma expresa, clara e inequívoca aos traballadores sobre a existencia e características dos dispositivos, así como o posible exercicio de dereitos de acceso, rectificación, limitación do tratamento e supresión. A empresa poderá tratar os datos obtidos a través de sistemas de geolocalización para o exercicio das funcións de control dos traballadores sempre que estas funcións estean dentro do seu marco legal e cos límites inherentes ao mesmo.

Os relatores apoiaron as súas explicacións analizando numerosos casos prácticos e as sentenzas máis actuais e mediáticas relacionadas con estes temas.
As conferencias que a CEO e Vento Avogados iniciaron relativas a temas actuais das relacións laborais son froito dun acordo de colaboración entre a consellería de Emprego e Igualdade e as organizacións empresariais e sindicais para impulsar o diálogo social e os acordos desenvoltos no exercicio deste diálogo. En concreto, as temáticas desenvoltas, alén das relativas á reforma laboral, teñen que ver coa irrupción das novas tecnoloxías nas relacións laborais e como incorporalas, ou cando é procedente ou non as actuacións por parte das empresas con respecto a estes usos.

Así, cuestións como o teletraballo, ou o uso de whatsapp e redes sociais son obxecto de análise neste ciclo de conferencias que hoxe tratou sobre a videovigilancia, monitorización e o uso do GPS no traballo, as leis e a xurisprudencia ao respecto destes medios no ámbito laboral.