Jacobo Senín e López-Fombona protagonistas na primeira xornada da Subida a Vilar de Barrio

Nunha excelente xornada de sol outonal,na comarca da Limia, a Copa de España de Escuderias de Montaña cubriu a súa primeira xornada no novo e rápido trazado de Vilar de Barrio

A I Subida a Vilar de Barrio celebrou este sábado a súa primeira xornada de competición. E na tamén primeira edición da súa historia tivo dous protagonistas que, seguro que mañá domingo volverán repetir e brindar un emocionante espectáculo aos numerosos afeccionados presentes no trazado que une a localidade limiana coa comarca de Monterrei.

AVANTAR ACTIVIDADES

E é que os espectaculares vehículos presentes na cita ofreceron unha xornada de Automobilismo de máximo nivel, destacando os tempos marcados pola barqueta Nova NP01 de Jacobo Senín e o portentoso Audi RS 5 DTM de José Antonio López-Fombona que marcaron os mellores cronos encabezando así a clasificación xeral provisional Senín, distanciando en 22,504 segundos a López Fombona. Terceiro en discordia sitúase Jorge Pérez cun Porsche 911 GT3 Cup. A cuarta praza é para o Fórmula Outeda de Jonathan Abadín e a quinta para Bernardino Lorenzo cun Forwin 01.

Mañá domingo celébrase a segunda xornada dunha proba que atraeu a numeroso público e afeccionados ao motor e que promete unha boa mañá de Automobilismo de máximo nivel.