Marina Ortega do grupo socialista lamenta o “negacionismo” da Xunta fronte á crise demográfica

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Marina Ortega do grupo socialista lamenta o “negacionismo” da Xunta fronte á crise demográfica e reclama “propostas claras e comprometidas con accións e orzamento”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Marina Ortega acusa ao goberno galego de levar “máis de trece anos” vendo vir esta situación “sen tomar medidas de calado” mentres Galicia ten o segundo peor saldo vexetativo do Estado

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2022. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclamoulle hoxe á Xunta que presente “propostas claras e comprometidas con accións e orzamento” fronte á crise demográfica. A responsable socialista lamentou que o PP rexeitara hoxe unha proposta neste sentido que lle pedía á Xunta tamén as medidas tomadas ao albur da Lei de Impulso Demográfico e os seus resultados.

A responsable socialista lamentou o “negacionismo” do goberno galego fronte á crise demográfica e reclamoulle que “colla o timón e traballe xa nun dos principais desafíos para a nosa Comunidade Autónoma”, en risco de converter as provincias de Ourense e Lugo “en solares sen xente”. Ortega citou neste sentido o coñecido artigo que alerta de que Galicia “camiña primeiro cara ao envellecemento e logo cara á extinción”, tal e como advirten tódolos indicadores socioeconómicos.

Lembrou que as proxeccións do INE auguran que en 2035 Galicia terá 4 veces máis persoas por enriba dos 100 anos que hoxe, pero “sen contar con relevo xeracional”, nunha data na que terá 35.000 habitantes menos, máis de 350.000 galegos e galegas vivirán sós e haberá tantos habitantes de máis de 80 anos como por debaixo de 18. Alertou de que as previsións advirten que no ano 2050 Galicia será a terceira rexión máis envellecida do Estado.

Advertiu que a “descoordinación” do goberno galego lastra as accións fronte ao declive demográfico, deixando todo o peso na Consellería de Política Social mentres Emprego, Medio Rural, Sanidade ou Educación “miran para outro lado”. Unha acción ademais lastrada por unha Lei de impulso demográfico que “non serviu para nada” ao carecer de medidas de calado nin partidas orzamentarias, o que a converte nunha “mera declaración de intencións”.

Marina Ortega reclamoulle hoxe á Xunta que presente no Parlamento tanto o conxunto de medidas tomada ao amparo da dita Lei como os resultados que provocaron. Ademais, reivindicou un “cambio de perspectiva” na acción para o impulso demográfico, incrementando o investimento e as medidas en materia de emprego e talento asociado ao territorio, “así como un compromiso polos servizos públicos e a aposta polo rural”.