Asoporcel celebrará este sábado en Lugo a cuarta edición da súa Xornada Técnica Monográfica do Porco Celta en Galicia

Este sábado ás 10:00 horas dará comezo no salón de actos do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo a IV Xornada Técnica Monográfica do Porco Celta en Galicia organizada pola Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), que este ano superou xa os 120 inscritos.

Na inauguración está previsto que interveñan José Barreira (presidente de Asoporcel), Lara Méndez (alcaldesa de Lugo), Roberto Fernández (deputado da área de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo), Mª Isabel Rodríguez (subdelegada do Goberno en Lugo) e Javier Arias (delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo). Así mesmo, o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta, José Balseiros, estará presente na clausura.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta cuarta edición das xornadas, que se retoman logo de dous anos de parón pola pandemia, estará presentada polo xornalista da Televisión de Galicia Manuel Cruz e nela contarase coas exposicións de catro relatores: Guillermo Ramis (director do departamento de Produción Animal da Facultade de Veterinaria da UM), Ignacio Ortolani (veterinario do departamento técnico e de formulación de Agrifirm España), Francesc Accensi (profesor do departamento de Sanidade e Anatomía Animais da Facultade de Veterinaria da UAB e investigador do Centro de Recerca en Sanitat Animal)e José Manuel Ferreiro (xefe do Servizo Territorial do FOGGA en Lugo).

Entre os temas centrais a tratar figuran as especificidades da nova PAC para as granxas de Porco Celta, a evolución e a situación actual da Peste Porcina Africana, as claves sanitarias e de alimentación para un correcto manexo desta raza e a influencia da xenética nas enfermidades emerxentes ou reemerxentes aparecidas nos últimos anos en razas minoritarias como o Porco Celta.

A asistencia á xornada é de balde para todo o mundo, pero é necesario realizar inscrición previa. As persoas interesadas en asistir pódense anotar chamando ao 982 226 252 antes do 24 de novembro ás 14:00 horas.