O comité anti sida reivindica a súa historia e a súa necesidade no día mundial da loita contra a sida 2022

O Comité Cidadán Anti Sida de Ourense nacía hai agora 30 anos promovido por persoas con VIH-SIDA, familiares, amizades e activistas da saúde e dos Dereitos Humanos, para reivindicar medidas fronte á expansión do virus e ás consecuencias sobre as persoas afectadas. Levamos tres decenios esixindo máis investigación científica, a universalidade e rapidez na aplicación dos tratamentos máis efectivos, atención sanitaria específica, recursos residenciais para as persoas que carecen de fogar, recoñecemento das causas de discapacidade e apoio económico para as desfavorecidas pola vida. Tamén seguimos denunciando e loitando contra o estigma e a discriminación que aínda acompaña ó VIH-SIDA, e reivindicando a cura.

O Comité mantén en funcionamento, nun piso na capital ourensá, dende 1994, a casa de acollida con oito prazas para persoas sen recursos nin familia, atendida por un equipo de profesionais. No seu local do casco vello ofrece “Calor e café”, un espazo de mínima esixencia, de apoio e acompañamento. Cada día, moi cedo, moitas persoas, a maioría sen teito, toman alí o seu almorzo e gozan do contacto humano. Teñen ademais a posibilidade de falar coa educadora e co mediador social do Comité, apoio para realizar trámites ou cubrir necesidades e acceso fácil ás accións de prevención e educación para a saúde.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para superar a chamada fenda dixital, que crean as dificultades económicas no acceso a dispositivos electrónicos, ou a falta de coñecementos sobre o seu manexo, o Comité facilita no seu local o uso libre de equipos con acceso a internet. Se é necesario proporciona formación básica, ou acompañamento nos trámites on line ante as sedes electrónicas das entidades públicas e outros recursos, evitando así unha nova fonte de exclusión e estigma

O programa de redución de danos ofrece intercambio de xiringas e consellos de hixiene e saúde. No centro penitenciario de Pereiro de Aguiar acompaña dende 1996 a persoas presas nas súas necesidades, fomentando o auto coidado e apoiándoas na volta de cara a vida no exterior.

         O Comité difunde as medidas de prevención fronte ó VIH-SIDA, a hepatite C, e outras infeccións de transmisión sexual como o uso do condón nas relacións e non compartir xiringas nin outros instrumentos que teñan contacto co sangue. Ante a dúbida sobre unha posible infección recomenda e ofrece a realización de probas rápidas de VIH. Tamén informa sobre a profilaxe con antiretrovirais preexposición  e postexposición.

         Neste Día Mundial da loita contra a Sida, o Comité chama a atención da cidadanía ourensá sobre a situación das persoas que viven na marxinalidade económica e social, as nosas principais usuarias, porque están especialmente expostas ó VIH-SIDA e outros riscos de saúde. A precariedade extrema provoca que prescindan de medidas hixiénicas, alimentos e mesmo de medicinas necesarias.

         As xentes do Comité volven agora a mirada cara si mesmas; ás que forman a súa comunidade agora, ás que pasaron por ela nestes 30 anos de tantos cambios e ás que deixaron o mundo e permanecen no sentimento colectivo. Na casa de acollida inda sonan as risas de Angie e de Paco, a primeira que perdemos nos anos noventa e o veterano que despedimos hai só uns días. Tamén o recordo de traballadoras e traballadores, voluntarias e voluntarios, profesionais, colectivos e institucións coas que colaboramos, directivos e directivas e socias e socios do Comité. Realizamos un proceso interno de reflexión sobre quen somos e como debemos seguir loitando polos dereitos e a xustiza igualitaria. A todas lembrámolas estes días cunha exposición fotográfica na intimidade dos nosos locais.

Da historia propia tomamos forza para seguir loitando polos nosos principios, que son simples: TODAS AS PERSOAS somos iguais fronte ó VIH-SIDA e de TODAS é a responsabilidade de corrixir as carencias que restan oportunidades.