Comezan as obras de mellora na Praza García Boente de Ribadavia.
Trátase do terceiro solar en estado de abandono que o Concello recupera desde 2021. Así, tras a adquisición e mellora dun solar o ano pasado, que era utilizado como aparcadoiro no corazón do casco histórico, e a recuperación do forno público na rúa dos Fornos, agora comeza a mellora dun novo solar que se atopaba en moi mal estado, a pesar de estar a carón do Museo Etnolóxico.
Memoria Praza García Boente PREMER NA IMAXE
Brais Fidalgo reitera o seu agradecemento á familia que doou o solar gratuitamente e e agradece as facilidades que se atopou como concelleiro para adquirilo, logrando gañar un novo espazo público no casco histórico para os veciños. É de agradecer a cesión gratuíta ao Concello por parte de todas as persoas herdeiras desta propiedade, posibilitando a mellora deste espazo para todo o pobo de Ribadavia.
As Obras de mellora realizaranse en dúas fases: primeiro, limpeza, desbroce, retirada de colectores e do cercado de madeira que pecha o solar, e unha vez limpo procederase á intervención nos muros da antiga edificación existente, e que son medianeiros con dous inmobles, así comezarase co encintado de muros de mapostería con morteiro e limpeza das xuntas, así como o enfoscado de morteiro.
A segunda fase corresponderá á mellora do pavimento do solar, coa colocación de “adoquin” .
A intención é crear un espazo público aberto novo axunto á praza García Boente, no cruce coa rúa de Santiago e o Museo Etnolóxico.
O financiamento desta obra faise a cargo de fondos do Concello de Ribadavia en exclusiva, cunha partida de 15.000 euros.
Desde o Concello continúan rexistrando proxectos de mellora do casco histórico na Deputación de Ourense para conseguir a súa colaboración no financiamento. Algo que o ente provincial leva anos realizando noutros concellos con menor riqueza patrimonial, algo que non se entendería en Ribadavia nin sería admisible.
– Humanización desde o exterior da Portanova a Campo da Feira.
– Rehabilitación do Edificio do Matadoiro, en San Francisco.
– Limpeza Ponte San Francisco.
Estes proxectos presentados fai meses aínda non foron apoiados pola Deputación para a súa realización a través do seu co-financiamento, polo que desde o Concello seguiremos insistindo no merecemento do seu apoio.
O Concelleiro de urbanismo e casco histórico, Brais Fidalgo, manifesta a súa satisfacción pola labor realizada en tan só ano e medio no casco histórico, onde se puxeron en marcha numerosos proxectos para a súa posta en valor compaxinando tres liñas de intervención:1. mellora de espazos públicos e a eliminación de puntos negros: ao solar de García Boente súmaselle o solar da Portanova ou o re-descubrimento do Forno público da rúa dos Fornos.2. rehabilitación de inmobles ruinosos propiedade do Concello, con catro inmobles en marcha.3. impulso do plan Rexurbe co seu Plan de Dinamización e a rehabilitación de inmobles privados pola Xunta para vivenda pública de aluguer, cun total de seis inmobles.