Manuel Baltar: “Grazas á CEO por crer en Ourense e, sobre todo, por crear en Ourense”

O presidente da Deputación participou hoxe na gala do 45 aniversario da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO)

Na súa intervención, Manuel Baltar destacou a “estreita relación” entre a Deputación de Ourense e a CEO -“da que somos aliados ao igual que de todas as entidades representativas do territorio”- e remarcou o traballo do tecido empresarial a prol de Ourense: “Neste acto hai moito futuro, moita traxectoria e moito compromiso coa terra”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 15 de decembro de 2022.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou hoxe na gala do 45 aniversario da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), “unha entidade que ten feito moito e bo por esta provincia”, segundo sinalou o titular do goberno provincial na súa intervención nun acto celebrado no restaurante A Carballeira de Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense). 

Manuel Baltar resaltou a importancia da “cooperación e a colaboración” como alicerces para seguir impulsando Ourense, a través de proxectos como o Centro Galego de Innovación da FP “Eduardo Barreiros” -cofinanciado pola Deputación e a Xunta- ou a sinatura, onte mesmo, da constitución da AECT na Raia Seca e o Gerês-Xurés, un instrumento de colaboración transfronteiriza liderado na parte ourensá polo goberno provincial. 

Nesta liña de traballo, Manuel Baltar destacou a “estreita relación” entre a Deputación e a CEO -“da que somos aliados ao igual que de todas as entidades representativas do territorio”- lembrando as liñas de cooperación abertas entre a administración provincial e a entidade, “un actor absolutamente vital na representación do tecido empresarial ourensán e no fomento da súa competitividade”. 

“Onte, hoxe e sempre, coa CEO”, sinalou o presidente da Deputación, que quixo recoñecer na súa intervención o “traballo e esforzo diario” das entidades empresariais presentes no acto de hoxe: “Aquí hai moito futuro, moita traxectoria e moito compromiso coa terra. Grazas á CEO, e a todos, por crer en Ourense e, sobre todo, por crear en Ourense”. 

O acto de hoxe contou, entre outros, coa presenza do vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Francisco Conde; o presidente da Confederación Española de Organizaciones Empresariales (CEOE), Antonio Garamendi; o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas; a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa; representantes de organizacións empresariais como a CEG, CEPYME ou ATA e do tecido empresarial ourensá e galego. 

Empresas premiadas en distintas categorías 

No transcurso da celebración a CEO fixo entrega dos galardóns a once empresas ourensás que destacaron en distintos ámbitos de xestión como a sustentabilidade -entregado por Manuel Baltar a Artur Yuste, director xeral do Grupo Cuevas-, integración laboral, innovación, dixitalización, responsabilidade social, sustentabilidade ou comercio, entre outras categorías, e que incluíu tamén o premio José Manuel Pérez Canal, que cada ano entrégase á empresa con vocación exportadora.

Ademais, o acto rendeu homenaxe aos antigos presidentes da CEO (Emilio Pérez Nieto, Guillermo Collarte, Miguel Ángel Pérez, Manuel J. Martínez Rapela, Manuel Cabezas, Francisco Rodríguez e José Manuel Pérez Canal-. Un homenaxe que adiantou nas súas palabras de benvida a actual presidenta da entidade, Marisol Nóvoa, que quixo lembrar especialmente aos expresidentes que xa non están -Guillermo Collarte e José Manuel Pérez Canal-, así como a outros empresarios recentemente falecidos como José Ramón Pérez Nieto, Luis Parente, José Luis Outeiriño e José Rodríguez López, “auténticos referentes empresariais”.