A recadación solidaria do Salón do Automóbil ascendeu a 2.835 euros

Acauto, a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, entregou hoxe o seu habitual cheque solidario a Cáritas Diocesana de Ourense, froito da recadación dos concesionarios ourensáns polas vendas no Salón do Automóbil celebrado este ano en Expourense.

Un total de 2.835 foi a cantidade recadada este ano coas vendas de coches neste salón, que contou coa participación dos 17 concesionarios integrados en Acauto. Os responsables destas empresas achegaron 15 euros por cada coche vendido entre o 20 e 23 de outubro deste ano.

Esta iniciativa solidaria xurdiu en 2016 a proposta da entidade empresarial, que quería incorporar un remate social á celebración do Salón do Automóbil. Deste xeito, a cantidade recadada vai destinada a cubrir gastos de comedores sociais nestas datas do Nadal. Coa deste ano, e despois de 7 edicións, Acauto doou un total de 34.255 euros.

PUBLICIDADE ELECTORAL

Ramón Seijas, presidente da asociación, realizou a entrega do cheque esta mañá ao pai Anxo Feijóo, delegado episcopal de Cáritas nun acto simbólico no que estiveron acompañados por outros membros do colectivo empresarial e por Javier Soto, secretario xeral da entidade solidaria.