O Goberno do Estado continúa coa busca de terreos para a nova sede da CHMS, así o confirma nunha resposta á pregunta plantexada polo BNG

A través do deputado Néstor Rego, quen, a instancia do Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense trasladou esta cuestión, o Executivo Central afirma seguir traballando na localización da mellor ubicación posíbel

Hai algunhas semanas o BNG no Congreso dos Deputados e a instancias do BNG de Ourense preguntáballe ao Goberno Central sobre os plans e o proxecto de construción dunha nova sede para a Confederación Hidrográfica Miño Sil e unificar deste xeito todas as dependencias espalladas actualmente pola cidade.

AVANTAR ACTIVIDADES

Segundo a resposta aportada non se baralla outra posibilidade que non sexa o termo municipal do Concello de Ourense, algo que segundo os nacionalistas evidencia a necesidade de que todas as administracións implicadas sumen esforzos en atopar a mellor localización posíbel.

Tal e como se recoñece na resposta dada a parcela orixinalmente escollida tivo que ser finalmente desbotada debido a que coa caída do PXOM de 2003 e a entrada de novo en vigor do Plan de 1986, dita parcela é para uso dotacional e non administrativo.

Tamén se especifica que mesmo se chegaron a explorar outras alternativas como a adquisición ou cesión por parte doutra administración dalgún inmóbel que puidese ser reformado mais a necesidade de contar cunha gran cantidade de metros cadrados fai inviable dita opción.

Por último afirma que a propia CHMS pretende seguir avanzando na tramitación e que por ese motivo consignáronse para este ano 2022 preto de 2 millóns de euros no orzamento do organismo.

Ante esta situación no BNG pídenlle ao Goberno PP-DO que colabore activamente na localización dos terreos precisos e se poida desenvolver canto antes esta importante infraestrutura.