O Concello dotará dun novo céspede ao campo de fútbol de A Uceira mediante un arrendamento polo modelo de renting

O Concello do Carballiño dotará dun novo céspede ao campo de fútbol da Uceira e optará polo sistema de arrendamento do mesmo por un espazo temporal de cinco anos. Para contar co novo sistema para o terreo de xogo da Uceira promoverase un concurso para contar con ofertas para o mesmo e a licitación base será de máis de 173.000 euros.

O obxectivo da iniciativa que porá en marcha o Concello carballiñés pretende a transformación integral do actual campo de fútbol do barrio da Uceira. O mesmo está dotado dende hai máis de 12 anos dun sistema de céspede de anterior xeración (sobre base elástica prefabricada de altas prestacións e espesor de 23 mm sobre capa compactada e illada mediante lámina impermeable e unha manta de céspede con fibra monofilamento e unha altura aproximada de 45 mm) que presenta un notable desgaste derivado do uso intensivo e do propio paso do tempo. Unha situación que aconsella a súa renovación para actualizalo cunha superficie de céspede de última xeración.

AVANTAR ACTIVIDADES

O campo de fútbol de herba artificial de A Uceira foi instalado hai máis dunha década e na actualidade o sistema co que se conta nesta zona deportiva do Concello do Carballiño non supera as probas de Absorción de Impactos, deformación vertical, rebote de balón vertical e de rodadura do balón, estando estes parámetros moi alonxados dos parámetros mínimos esixidos na Norma UNE EN 15330-1 referida ás <Especificacións para superficies deportivas de céspede artificial para uso exterior>.

O obxectivo do contrato que promove o Concello do Carballiño é o arrendamento por un período de 5 anos (60 meses) dun pavimento de céspede artificial para o campo de fútbol da Uceira –cunhas dimensións de 106,60 x 63,65 m (6.785 metros cadrados)- coas características definidas no proxecto redactado ao efecto incluíndo o seu mantemento, mediante “renting”.

No que respecta ás consideracións técnicas e os requerimentos propóñense varios criterios de adxudicación, considerando a relación calidade / prezo como a mellor alternativa de valoración. No apartado de criterios cualificables figurarán na convocatoria de licitación o prezo, as garantías e o mantemento e as características do céspede. Entre as melloras de calidade figurarán aspectos como as tipoloxías de fibras na mesma puntadas –sistemas mixtos combinados-, o ligante secundario, a cantidade mínima de puntadas (ISO 1763), e o espesor do fío monofilamento (FIFA método 25), entre outros.

O orzamento base da licitación (que inclúe o prezo do pavimento, o mantemento durante os cinco anos, o seguro, os intereses e o IVE) será de 173.187 euros e o contrato licitarase mediante a fórmula de contrato de servizos.

A duración do contrato será de 5 anos, sen posibilidade de prórrogas.