A Deputación colabora co Concello de Pereiro de Aguiar para axilizar a tramitación das axudas municipais ao fomento da natalidade

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o alcalde, Luis Menor, asinaron un convenio para simplificar de forma efectiva o acceso á tarxeta “Benvido ao Pereiro”, así como ás subvencións incluídas no programa “ChegOU” da Deputación 

Manuel Baltar e Luis Menor asinaron un segundo documento co director territorial de Abanca, Rubén Saavedra, para concretar o sistema de concesión das axudas aos beneficiarios 

AVANTAR ACTIVIDADES

A cooperación parte da similitude de ambos programas, que agás na contía das achegas coinciden basicamente nos requisitos que deben cumprir os posibles beneficiarios como nos prazos de solicitude e o recoñecemento da subvención 

Ourense, 26 de decembro de 2022.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, asinaron un convenio de colaboración polo que a administración provincial axilizará a tramitación das axudas municipais ao fomento da natalidade, no marco do plan “Benvido ao Pereiro”.  

Manuel Baltar cualificou este convenio como “un exemplo máis da Deputación á hora de dar soporte aos procedementos de tramitación e xestión dos concellos, reducindo a carga administrativa á que teñen que facer fronte”. Unha cooperación entre o goberno provincial e local “que agora se traduce na simplificación de importantes iniciativas relacionadas co fomento da natalidade”. 

“A tarxeta <Benvido ao Pereiro> é un programa municipal plenamente asentado e totalmente compatible coas axudas que conceden todas as administracións”, explicou pola súa banda Luis Menor. Non obstante, o alcalde destacou que grazas á cooperación coa Deputación de Ourense “o noso concello vaise beneficiar dunha xestión máis áxil e efectiva”. 

O convenio sinala que as bases dos programas “ChegOU” e “Benvido ao Pereiro” coinciden basicamente tanto nos requisitos que deben cumprir os posibles beneficiarios como nos prazos de solicitude e recoñecemento da subvención. Dado que estas axudas son compatibles entre si e para simplificar de forma efectiva o acceso a ambas liñas de subvención, o documento establece que os beneficiarios do plan provincial nos anos 2020, 2021 e 2022 en Pereiro de Aguiar teñen xa acredito o cumprimento dos requisitos esixidos polo plan local. 

Para completar esta iniciativa, Manuel Baltar e Luis Menor asinaron un segundo convenio, desta volta coa director territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra, que como entidade colaboradora encárgase dos trámites de expedición da tarxetas e o pagamento das subvencións aos beneficiarios. 

Programas semellantes con contías diferentes 

A tarxeta “Benvido ao Pereiro”, que alcanza este ano a súa terceira convocatoria, é un programa sen concorrencia competitiva que establece unha axuda económica de 250 euros anuais, ata un máximo de tres anos, ás persoas que desde xaneiro de 2020 e ata o 31 de decembro de 2022 tiveran, adoptasen ou tutelaran unha filla ou fillo. A subvención faixe efectiva a través dunha tarxeta prepago para utilizar ata o 31 de maio de 2023 exclusivamente en farmacias ou parafarmacias. 

En semellantes condicións desenvólvese o programa “ChegOU”, un plan provincial de axudas para o fomento de natalidade cuxa principal diferenza con respecto ao programa de Pereiro de Aguiar radica na contía das achegas, que no caso da Deputación increméntanse en función da cualificación demográfica do concello de residencia, ata un máximo de 500 euros.