Xinzo convértese no primeiro concello da Limia que acorda unha declaración de moratoria eólica

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO
  • O Concello de Xinzo comprométese ademais a axudar cos informes para contrarrestar os plans das corporacións nunha eventual disputa xudicial.
  • O pleno dos Blancos, este xoves, será o seguinte no que se debata a proposta de moratoria.

O último pleno de 2022 da corporación municipal de Xinzo de Limia, celebrado este martes, acordou unha declaración institucional para botar o freo na proliferación de macroeólicos na comarca da Limia. O texto proposto pola plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA e polo Club Parapente Baltar saíu aprobado cos votos a favor de todos os grupo de goberno que preside Elvira Lama: PSOE, AXIL, BNG e o concelleiro Manuel Pérez Campos, e coas abstencións do grupo popular e a concelleira non adscrita Montse Lama.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O texto é o seguinte: “A corporación municipal de Xinzo de Limia, atendendo á falta de evidencia científica sobre as ameazas reais para o medio ambiente e a saúde das persoas e tendo en conta o principio de precaución, acorda solicitar da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado a aplicación inmediata dunha moratoria sobre os proxectos de instalación de centrais eólicas en trámite e outros que puideran solicitar a súa tramitación no futuro e que afectan ao territorio da comarca da Limia mentres o Plan Sectorial Eólico de Galicia non se someta a unha avaliación ambiental estratéxica tal e como esixe a lei, ou se aprobe un novo Plan Sectorial Eólico”.

Na mesma moción tamén se instaba ao goberno municipal de Xinzo de Limia a encargar estudos técnicos sobre o proxecto da liña de evacuación eléctrica do parque eólico San Martiño LAT 132 kV SET PE San Martiño-SET Larouco (expediente IN408A 2021/043) e o proxecto parque eólico Tramontana (expediente IN408A 2021/030), que afectan a territorio deste concello, co fin de obter unha avaliación propia de ambos diante da posibilidade de que poidan ser autorizados antes de que o Plan Sectorial Eólico de Galicia se someta a avaliación ambiental estratéxica”.

É dicir, o Concello de Xinzo de Limia comprométese a axudar aos colectivos veciñais e ambientalistas para cubrir os custes de eventuais estudos técnicos que permitan confrontar argumentos cos estudos que elaboran especialistas para xustificar os plans das grandes corporacións.

O próximo pleno no que se presentará e debaterá a moción será o de Os Blancos. A sesión, pública, terá lugar na Casa do Concello dos Blancos pasado mañá xoves ás sete da tarde. A proposta de STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA e polo Club Parapente Baltar será defendida pola portavoz do PSOE nunha sesión que o alcalde tivo que convocar de urxencia dada a alarma social suscitada polo proxecto de Greenalia denominado Lamas II e que está en exposición pública até o día 4 de xaneiro.

STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA recolleu xa máis de 500 alegacións contra este proxecta que serán rexistradas esta semana na sede da Xunta de Galicia en Ourense.