O Psdeg-Psoe indaga se as “desorbitadas facturas” das paparotas de nadal de Jácome e dos seus acólitos foron pagadas con cartos públicos

O Psdeg-Psoe de Ourense indaga se as “desorbitadas facturas” das paparotas de nadal de Jácome e dos seus acólitos foron pagadas con cartos públicos das ourensás e dos ourensáns

Sospeitan que o alcalde camuflou como gastos de protocolo imputables ás arcas municipais opulentos xantares con Omar Montes e a orquestra América, así como un cátering privado no Auditorio

AVANTAR ACTIVIDADES

“Mentres a cidadanía fai contas para chegar a fin de mes, o alcalde non ten reparo en despilfarrar o diñeiro de todas e todos en xantares de luxo co seu staff

Ourense, 3 de xaneiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense indaga se as paparotas de Nadal de Jácome e os seus acólitos foron pagadas con cartos das ourensás e dos ourensáns, toda vez que as e os socialistas sospeitan que as “desorbitadas facturas” derivadas de xantares con Omar Montes, a orquestra América e un cátering privado no Auditorio o día de Aninovo se puideron “camuflar como gastos de protocolo con cargo ás maltreitas arcas municipais”. 

Dende o grupo socialista anuncian que veñen de rexistrar varias solicitudes de información urxentes reiterando coñecer a relación desagregada e pormenorizada dos gastos de protocolo e representación do ano 2022 cos seus importes individuais, relación de asistentes e xustificación dos mesmos.

“Mentres a cidadanía fai contas para chegar a fin de mes, o alcalde non ten reparo en despilfarrar o diñeiro de todas e todos en xantares de luxo co seu staff. Non imos consentilo, reclamaremos explicacións ao respecto e esixiremos coñecer se Jácome empregou elevadas cantidades de diñeiro público para gastos persoais”, inciden.

Neste sentido, censuran que o alcalde estea a levar a cabo unha “campaña de ataque e desinformación” contra os dereitos laborais dos funcionarios do Concello “mentres dilapida fondos en custosísimos xantares cos seus acólitos”. Así mesmo, consideran “indignante” que o alcalde non escatime en xantares de Nadal a 130 euros por persoa para o seu staff, e pola contra elimine partidas relacionadas con cuestións básicas para o benestar da veciñanza, coma a cultura.

Así as cousas, dende o grupo socialista lamentan que sexan as ourensás e os ourensáns os que, inxustamente, “paguen do seu peto as consecuencias do proceder irresponsable deste rexedor”, ao tempo que recalcan a importancia dun novo goberno para a cidade que permita devolverlle á cidadanía o dereito a unha xestión eficiente e responsable dos recursos públicos.