O Psdeg-Psoe de Ourense impulsa na Deputación que se adopten medidas “reais e efectivas” para “equiparar” ás persoas menores de idade en acollemento familiar

Álvaro Vila defendeu a necesidade de “implicar” á Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia neste senso e destacou que Ourense “é a única provincia na que o ente autonómico sigue un criterio diferente”

A iniciativa socialistas para instar á Deputación a que cumpra os acordos adoptados polo pleno do ente provincial foi rexeitada co voto en contra do PP, DO e a tránsfuga Montse Lama

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense acadou o apoio unánime dos partidos representados na Deputación Provincial de Ourense para que a moción presentada polos socialistas e na que se pedían que se adopten medidas reais e efectivas para equiparar ás persoas menores de idade en acollemento familiar fose aprobada. Os socialistas chegaron a un acordo co resto de grupos para incluír uns puntos de acordo de consenso e nos que se incluíron tamén os puntos de acordo aportados nunha emenda engádega.

A primeira en tomar a palabra foi Carmen Dourado Rodríguez, coordinadora técnica e traballadora social da Asociación Galega de Familias de Acollida ACOUGO que aproveitou para expoñer a problemática que afecta aos menores en acollida e as súas familias e o traballo que levan a cabo dende a asociación. Destacou a importancia de incorporar o ítem familia acolledora ou crianza en acollida nos impresos e modelos das súas áreas de xestión configurando medidas que apoien “positivamente” a estas familias e menores. Tamén fixo fincapé na necesidade que a Deputación valore a posibilidade de ofrecer formación básica ou avanzada o seu persoal, que se elabore un rexistro provincial de familias acolledoras de carácter voluntario, que se aproben axudas para estas familias ou que se poña en práctica medidas para divulgar e sensibilizas sobre o acollemento familiar.

Pola súa banda, o deputado provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila, aproveitou o debate para pór o foco en que Ourense “é a única das catro provincias galegas na que a Xunta de Galicia sigue un criterio diferente coa acollida permanente”, xa que tal e como indica “unha vez rematan os dous anos de acollida permanente, as crianzas pasan a un centro institucionalizado da Xunta e non poden seguir cunha familia, que creemos que é o entorno máis adecuado para estes rapaces e rapazas”.

Vila pediulle á Xunta que “mude” este criterio e solicitoulle á Deputación de Ourense que tome medidas en “positivo para que se recoñeza dende o primeiro momento que un neno en acollida sexa considerado fillo natural ou adoptivo”. O deputado socialista tamén pide que se conceda “axudas” para estas familias de acollida que como relata “fano de xeito altruísta” e sinala que “agardamos acada o apoio unánime da corporación”.

O PSdeG-PSOE reclamaba na moción á Deputación de Ourense que adoptase medidas “reais e efectivas” para “equiparar” ás persoas menores de idade en acollemento familiar. Os socialistas defenderon outorgarlles a consideración de fillo ou filla natural durante o período de convivencia, xa que isto suporía o acceso, en igualdade de condicións, a servizos como ludotecas, bolsas, campamentos ou actividades deportivas, así como á redución de impostos. “Queremos acabar cunha discriminación que crea problemas innecesarios ás familias”, sinalaron antes de recordar que “xa están en funcionamento medidas similares en concellos de Galicia e do resto de España”.

O PP, DO e a tránsfuga Lama en contra de que a Deputación cumpra cos acordos adoptados polo pleno

Durante o debate da moción socialista sobre os reiterados incumprimentos dos acordos plenarios na Deputación de Ourense por parte do goberno provincial quedou claro que o Partido Popular, con Manuel Baltar ao fronte e a deputada non adscrita, Montse Lama, “fan unha labor obstrucionista” no ente provincial. Catorce votos en contra que segundo os socialistas “amosa a falta de compromiso para traballar, mellorar a calidade de vida da veciñanza e as infraestruturas provinciais para que a provincia funcione mellor”.

O voceiro provincia, Rafael Rodríguez Villarino, foi o encargado de defender a moción, explicando que o PSdeG-PSOE de Ourense “é o grupo que máis iniciativas presenta, polo que ninguén pode dubidar do noso compromiso”. O secretario provincial aproveitou o seu primeiro torno de intervención para relatar que das 8 mocións presentadas polos socialistas e  aprobadas por unanimidade “nin unha soa foi levada a práctica, algo que tamén acontece coas mocións doutros grupos políticos, co debate do estado da provincia ou cos plans provinciais”.

Rodríguez Villarino tamén aproveitou para pedir un “cambio de rumbo” na Deputación, apostando por un goberno “máis produtivo e de colaboración, que leve a práctica os acordos e as mocións aprobadas no pleno”. O líder dos socialistas ourensáns acusou ao goberno de Manuel Baltar de “facer oposición permanente e constante a fiscalización da oposición” e preguntouse “que clase de política fan vostedes?” antes de afirmar que “vai ser épico que voten en contra de levar a práctica as mocións e acordos que se aproban neste plenario”.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense finalizou afirmando que o día que o Partido Popular “deixe de gobernar esta provincia, haberá fondos equitativos para todos, democracia na provincia e futuro para Ourense e as súas xentes”.

O PSdeG-PSOE de Ourense instaba na moción á Deputación de Ourense ao cumprimento dos acordos adoptados polo pleno, presentados a través das mocións dos diferentes grupos políticos. Os socialistas denunciaron que o goberno provincial de Manuel Baltar non executa as iniciativas aprobadas polos grupos no pleno, o que amosa con contundencia o “escaso” interese do grupo de goberno polas iniciativas aprobadas no máximo órgano colexiado da institución. Apuntan tamén que a situación se “agrava” debido a “nula” preocupación polas accións de mellora e impulso da provincia de Ourense.