Ourense acollerá o 7 de marzo a XII Conferencia Política da Confederación Europea de Poderes Locais e Intermedios

O Pazo de Vilamarín será a sede dun encontro impulsado polo presidente da Deputación e vicepresidente da CEPLI, Manuel Baltar, e que se centrará no papel das administracións locais e intermedias na xestións dos riscos e na resiliencia ante as catástrofes naturais

O presidente da Deputación sinala que “acoller esta conferencia atendendo á nosa petición é un recoñecemento ao traballo que estamos a desenvolver en Ourense a prol dos gobernos provinciais e o desenvolvemento territorial”. A cita contará coa presenza do presidente da CEPLI, André Viola

AVANTAR ACTIVIDADES

O Consello Político da CEPLI celebrarase un mes despois de que Ourense acolla tamén a Comisión de Deputacións da FEMP: “Dous citas centrais que referendan o posicionamento privilexiado de Ourense dentro da cooperación política e a nosa capacidade organizativa”, remarca Manuel Baltar

Ourense, 14 de xaneiro de 2023.- Ourense acollerá o próximo 7 de marzo a XII Conferencia Política da Confederación Europea de Poderes Locais e Intermedios (CEPLI), a iniciativa do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, vicepresidente desta confederación comunitaria. A cita, que se celebrará no Pazo de Vilamarín e contará coa presenza de políticos e expertos académicos de países de toda Europa, centrarase no papel das administracións locais e intermedias na xestión dos riscos e na resiliencia ante as catástrofes naturais baixo o título de “Resiliencia e Recuperación: un enfoque multidimensional na xestión de riscos”.

O presidente da Deputación de Ourense remarca a potencia do Consello Político da CEPLI, que agrupa a 1.167 provincias europeas e na que so está Ourense por parte española -ao formar parte Manuel Baltar en calidade de presidente de Partenalia- e pondera a importancia de acoller esta cita, “que despois de celebrarse na súa última edición en Cracovia ven para Ourense atendendo a nosa petición, nun recoñecemento ao traballo que estamos a desenvolver a prol dos gobernos provinciais e o desenvolvemento territorial”. 

Manuel Baltar defende que “esta será unha nova ocasión para reivindicar o peso e o papel dos gobernos territoriais intermedios en Europa, cunha importante capacidade de influencia nas políticas supraprovinciais, estatais e europeas, abordando todas as cuestións relevantes integradas na axenda política en termos de financiación, sustentabilidade e equilibrio territorial”. A cita contará coa asistencia do presidente da CEPLI, André Viola, e “afondará na interlocución directa co presidente do Comité Europeo das Rexións, Vasco Cordeiro, que é sen dúbida unha das altas institucións comunitarias”. 

FEMP e a CEPLI, “dous citas centrais que referendan o posicionamento privilexiado de Ourense dentro da cooperación política e a nosa capacidade organizativa”

O Consello Político da CEPLI celebrarase un mes despois de que Ourense acolla tamén a Comisión de Diputaciones Provinciales, Cabildos y Consejos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias -6 de febreiro no Marcos Valcárcel-. “Dous citas centrais que referendan o posicionamento privilexiado de Ourense dentro da cooperación política”, reivindica Manuel Baltar antes de remarcar a importancia do “traballo en rede, de estar onde se deseñan as cuestións e debates que poden axudar a seguir mellorando a unha provincia e a un goberno provincial que destaca pola súa capacidade innovadora, pola súa débeda cero, por aprobar os orzamentos antes que ningún, por liderar en transparencia aos gobernos en España e por ese programa electoral provincial co que nos presentamos ás eleccións”. 

“Este goberno provincial é un referente por xogar coas cartas boca arriba diante da veciñanza e por ser un exemplo de goberno aberto. E esta cita é un novo recoñecemento á labor que facemos desde Ourense e tamén unha proba da nosa capacidade organizativa”, resume Manuel Baltar. 

Resiliencia e Recuperación: Un enfoque multidimensional na xestión de riscos

Trala Conferencia Política do ano pasado celebrada en Cracovia e que afondou no concepto de resiliencia territorial no marco das accións e políticas das Autoridades Locais e Intermedias europeas, os membros da CEPLI seguirán afondando en Ourense neste elemento central de toda política territorial sólida e de longo prazo, enfocado nesta vez na xestión de catástrofes naturais. 

Dende a CEPLI explican que o concepto transversal de resiliencia é “unha lente particularmente útil para reflexionar sobre a xestión do risco a nivel local, posto que esixe que a acción pública se conciba de maneira holística e fai que os decisores políticos aborden a intervención pública globalmente para atopar as mellores vías que fagan fronte aos riscos estruturais, cíclicos, conxunturais e imprevisibles, xa sexan de carácter social ou económico ou relacionados con catástrofes naturais e perigos para a saúde”. 

De especial interese será, inciden, “a articulación proporcionada polas Autoridades Locais Intermedias como as administracións de primeira resposta e elemento primario, unha peza esencial do circuíto de retroalimentación de resposta de emerxencia que se pon en marcha xusto despois de que xurdan as catástrofes”.

Na XII Conferencia Política da CEPLI, os presidentes de gobernos intermedios de varios países comunitarios arroxarán luz sobre a interrelación das áreas de intervención das súas administracións como elemento chave de calquera política exitosa de prevención e preparación aos riscos, compartindo as súas experiencias e boas prácticas. Xunto con outros políticos da Unión Europea e expertos académicos, procederán a visualizar que camiños poden tomar os gobernos locais intermedios para mellorar as súas prácticas de prevención de riscos.