Comunicado de Procapd Ourense

A Plataforma PROCAPD Ourense informa aos medios de comunicación e a toda a cidadanía do que está a acontecer co CAPD de Ourense, Centro de Atención a Persoas con Discapacidade, aínda inexistente.

Son máis de 6 anos os que a Plataforma PROCAPD leva loitando para dar visibilidade á situación de desigualdade que viven os/as nosos/as fillos/as, as súas familias e toda a provincia de Ourense con respecto das demais provincias galegas.

FESTAS EN RIBADAVIA

Despois destes longos anos, a Plataforma segue sen ter un lugar onde lles aseguren unha asistencia digna e de calidade, un CAPD DE XESTIÓN DIRECTA POLA XUNTA DE GALICIA, un CAPD para todas estas persoas con discapacidade intelectual da provincia, que son os grandes esquecidos polo goberno.

Dende setembro do ano 2021, a obra leva parada por mor da crise xeneralizada de prezos e da falta de celeridade da Xunta para xestionar e resolver algo que debería ser de máxima urxencia. A día de hoxe, máis de un ano despois, o CAPD segue sendo un esqueleto de formigón deteriorándose, onde non hai actividade nin indicios de que retomaran de novo os traballos de construción; a pesares de que a obra está xa adxudicada a unha nova empresa dende comezos de outubro de 2022.

Ademais disto, a sociedade ourensá segue sen saber que tipo de xestión terá, ante a falta de claridade e transparencia nas respostas do Delegado Territorial da Xunta en Ourense e o inhumano silencio da Conselleira de Política Social e Xuventude ante as numerosas solicitudes de reunión que pediu a Plataforma. Isto danos a entender claramente que a xestión será externalizada e privatizada (a unha fundación ou empresa).

A Plataforma quere que a Xunta non os engane e cumpra as promesas que, xa no 2016, adquiriu con Ourense e cun colectivo tan vulnerable e sensible como é o da discapacidade. A Plataforma quere que a Xunta asegure claramente que o CAPD será de XESTIÓN PÚBLICA DIRECTA, e se comprometa a establecer uns prazos para rematar as obras e convocar as listas de contratación de persoal.