O BNG urxe á inmediata reparación da porta de entrada do CEIP de Castrelo de Miño

NOTA INFORMATIVA DO BNG

O desgoberno de Avelino Pazos móstrase incapaz de reparala en mais de 4 meses, nos que somete aos alumnos a un risco que debe ser evitado de inmediato, para recuperar a tranquilidade de pais e educadores.

AVANTAR ACTIVIDADES

Nun capítulo máis de desleixo por parte do Alcalde e o seu equipo de goberno, temos que lamentar o abandono ao que teñen sometido ao colexio de Castrelo de Miño. Xa non abondaba con eliminar o servizo de madrugadores ou con facer pagar aos pais e nais as actividades extraescolares que cos gobernos do BNG eran de balde, que o colexio leva sen porta de entrada 4 meses.

Os feitos rexistráronse no mes de outubro do pasado ano. Un vehículo tirou a porta e o muro lindeiro do colexio de Castrelo de Miño, que levan sen reparar dende aquela data. Máis de 4 meses nos que o peche é un simple valo de obra. O perigo é evidente, xa que durante a xornada lectiva o alumnado pode saír directamente a unha estrada autonómica e ocorrer unha desgraza.

Este acto de abandono supón un grave risco para o alumnado do centro e para o profesorado, polo que dende o BNG de Castrelo de Miño xa preguntamos no pleno ordinario de novembro por esta situación, onde o

Sr. Pazos nos respondeu que estaban agardando polo seguro. Dada a urxencia do amaño, consideramos que o concello de Castrelo de Miño ten que arranxar o antes posíbel esa portada, e xa se depurarán responsabilidades coas aseguradoras despois.