O Psdeg-Psoe insta á Deputación a cumprir os acordos adoptados polo pleno e acusa ao PP de incumprilos de forma “sistemática” obstruíndo o futuro de Ourense

Os socialistas denuncian que o goberno Baltar non executa as iniciativas aprobadas polos grupos no pleno, o que amosa con contundencia o seu “escaso” interese pola provincia e as súas xentes

Villarino sinala que é “necesario” un “cambio de rumbo de xeito inmediato” e afirma que o que acontece na Deputación “deixa en evidencia que os acordos brillan pola súa ausencia”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense defenderá unha moción no pleno deste venres da Deputación de Ourense, na que insta ao ente provincial ao cumprimento dos acordos adoptados polo pleno, presentados a través das mocións dos diferentes grupos políticos. Os socialistas denuncian que o goberno provincial de Manuel Baltar non executa as iniciativas aprobadas polos grupos no pleno, o que amosa con contundencia o “escaso” interese do grupo de goberno polas iniciativas aprobadas no máximo órgano colexiado da institución. Apuntan tamén que a situación se “agrava” debido a “nula” preocupación polas accións de mellora e impulso da provincia de Ourense.

Dende o Grupo Provincial Socialista apuntan que no que vai de mandato, que alcanza xa o seu ecuador, o único grupo que presentou mocións en tódalas sesións ordinarias mensuais foi precisamente o PSOE, cun total de 38. “Trouxemos a debate e a votación máis iniciativas que tódolos grupos da corporación xuntos”, apuntan os socialistas. Un dato co que queda acreditado o obxectivo dos socialistas de traballar “arreo” para impulsar os servizos e infraestruturas de carácter público, ademais de “mellorar” a calidade de vida e o benestar da veciñanza.

Os socialistas tamén desmontan con datos os “furibundos” ataques e as “infundadas” acusacións feitas polo grupo goberno provincial, co seu presidente ao fronte e co aplauso dalgúns palmeiros e palmeiras cando afirmaban que “faltaba unha actitude colaborativa do principal grupo da oposición”. Deste xeito, no que vai de mandato o grupo provincial socialista votou a favor en 176 ocasións, o 67,95%, abstívose en 56, o 21,62% e tan só votou en contra en 24, un 9,26%. “Datos que desmontan as acusacións e falsidades de Baltar e o seu séquito”, subliñan dende o PSdeG-PSOE de Ourense.

Para o voceiro provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, é “necesario” que haxa un “cambio de rumbo de xeito inmediato” e sinala que o que está a acontecer na Deputación provincial “deixa en evidencia que os acordos brillan pola súa ausencia”. O secretario provincial dos socialistas ourensáns tamén apunta a que o grupo provincial do Partido Popular ten unha postura “obstrutiva” e acúsaos de non levar a práctica as mocións aprobadas en pleno, como foi o caso das 8 mocións socialistas aprobadas por unanimidade e “das que nada máis se soubo”.

Villarino afirma tamén que o Partido Popular, con Manuel Baltar ao fronte, sostén un discurso “maniqueo”, onde lle atribúe aos socialistas a posición de “distinguir entre bos e malos, cando nós si coñecemos a escala de grises e apoiamos iniciativas, sendo a formación con máis mocións presentadas no que vai de mandato”. O voceiro socialista pídelle ao PP que “cambie a deriva” e sinala que mantense no poder “mercando vontades, primeiro de DO e despois da tránsfuga de Ciudadanos”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense afirman que con esta postura do Partido Popular “atopámonos cunha provincia que vai lenta, que non ten rumbo e onde as iniciativas de futuro para os ourensás e as ourensás nunca se levan a práctica”, motivo polo que lle esixen o grupo de goberno provincial que “mude de dirección e empece a traballar en positivo”.

Os socialistas tamén recalcan que con estes datos sobre a mesa “queda de manifesto a decisión que adoptamos de non acudir aos debates do estado da provincia celebrados en 2019 e 2020, xa que a liña a seguir de desleixo absoluto tras estas sesións extraordinarias é a mesma, polo que a súa inutilidade é total”. Cabe destacar que nestes debates houbo 53 propostas, das que se aprobaron 21 por unanimidade, e nin a metade foron postas en marcha. Unha situación que tamén se repite nos denominados plans de mandato presentados polo candidato Baltar, nos que varias da iniciativas pasan de plan en plan e outras moitas quedan no esquecemento, “evidenciando que eran simple fume electoral”, finalizan os socialistas.