Ourense transfórmase nunha “personaxe de película” coa rodaxe de O Home e o can, produción patrocinada pola Deputación

Manuel Baltar visitou ao equipo técnico e artístico en San Cibrao das Viñas, onde se están a gravar algunhas das escenas da película dirixida por Ángel de la Cruz e protagonizada por Manuel Manquiña

“Este é un exemplo do Ourense ambicioso que ten na produción audiovisual un recurso fantástico para a visibilidade da provincia”, sinala o presidente da Deputación, lembrando os cinco filmes que se rodarán ata maio na provincia dentro da aposta do seu goberno por este sector, “o cinema de alta velocidade”, con pancas estratéxicas como a nova Ourense Film Commission

AVANTAR ACTIVIDADES

O director define a película como unha homenaxe ao neorrealismo -vaise gravar integramente en branco e negro- “onde Ourense e as súas rúas van ter unha participación especial”

San Cibrao das Viñas, 30 de marzo de 2022.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou esta mañá en San Cibrao das Viñas a rodaxe da película O home e o can, dirixida por Ángel de la Cruz e protagonizada polo actor galego Manuel Manquiña. Este filme é unha das cinco producións que ata o mes de maio vanse filmar en distintos escenarios da provincia de Ourense co patrocinio da Deputación.

Manuel Baltar, que amosouse “encantado de comprobar in situ este Ourense de cinema”, estivo acompañado no set da película polo propio director e mailo protagonista, ademais das actrices Paula Chaves e Estíbaliz Veiga e o compositor da música, o ourensán Jaime Fernández. Esta rodaxe, dixo Manuel Baltar, “é un exemplo do Ourense ambicioso que ten na produción audiovisual un recurso fantástico para a visibilidade da provincia”.

Para o presidente da Deputación, “as producións audiovisuais permanecen no tempo e permitirán que sigamos vendo un territorio no que, con producións como esta, homenaxeamos a todos aqueles que fixeron historia no cinema galego como Carlos Velo, que hoxe da nome á única fundación audiovisual que existe en Galicia, ademais de ser unha peza clave no Festival de Cine de Ourense que organiza a Deputación”.

O home e o can, ademais das outras longametraxes que se van rodar nas próximas semanas na provincia, “non é unha aposta, senón unha realidade nesta provincia de cinema de alta velocidade”, amplía Manuel Baltar, destacando outras iniciativas máis como a alianza coa Academia Galega do Audiovisual, a celebración dos premios Mestre Mateo en Ourense no 2023 ou a 27 edición do Festival de Cine, subliñando a Ourense Film Commission “que vimos de presentar e que como ente único en Galicia vai ter moito que ver coas rodaxes que seguiremos a promover”.

Un proxecto especial

O director Ángel de la Cruz expresou ao seu agradecemento a Manuel Baltar polo apoio da Deputación a esta produción, que tamén conta coa colaboración da Televisión de Galicia, cuxa representante, Montse Besada -xefa de contidos do ente autonómico-, tamén estaba esta mañá na visita en San Cibrao das Viñas xunto a José Montero, responsable da produtora da película, Ézaro Films. Ángel Cruz recoñeceu o gran esforzo do equipo técnico e artístico para sacar adiante “un proxecto especial no que levamos tempo traballando”, definindo esta película como unha homenaxe ao neorrealismo -vaise gravar integramente en branco e negro- “onde Ourense e as súas rúas van ter unha participación especial ao ser un personaxe máis da película”. Unhas palabras ás que se sumou o protagonista, Manuel Manquiña, subliñando “a moita axuda”, e o apoio, coa que están a contar para esta produción. 

O home e o can é un drama que conta unha historia emotiva, entrañable, e ata con momentos de humor, sobre a soidade dos maiores, o avellentamento da poboación e o abandono do rural, con escenarios nun pequeno pobo de San Cristovo de Cea, localización onde se inicia e remata a historia, e unha vintena de lugares seleccionados da capital ademais das escenas rodadas no polígono de San Cibrao das Viñas.