O grupo socialista leva mañá ao Parlamento unha iniciativa para reclamarlle á Xunta que garanta o cumprimento das recomendacións do consello de contas sobre a Deputación de Ourense

O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, levará á Comisión de Economía que se celebra mañá venres, a partir das 10,30 h.,unha proposición non de Lei para pedirlle á Xunta que recabe o cumprimento das recomendacións incorporadas polo Consello de Contas no último informe de fiscalización da Deputación de Ourense, e que inclúen o establecemento de criterios obxectivos na adxudicación de subvencións ou na adxudicación de contratos públicos, e que cumpran coa obriga legal de publicar a información sobre contratos, subvencións e convenios asinados polo ente.

Proposición non de Lei :

AVANTAR ACTIVIDADES

O  Consello de Contas vén de facer público o Informe de Fiscalización selectiva da Deputación provincial de Ourense correspondente o exercicio 2018. Un informe absolutamente demoledor  que amosa  que o nepotismo, o clientelismo e a dedocracia son os sinais de identidade da Deputación de Ourense.

Dende o PSdeG de Ourense levamos anos denunciando – practicamente en solitario – que a Deputación de Ourense non é máis que un instrumento ao servizo dos intereses do Partido Popular, utilizada como unha auténtica empresa de colocación en favor dos militantes e afíns a ese partido político, un entramado político- económico do que se benefician cuantos rodean o seu presidente e que está moi lonxe de ser  unha Administración democrática  ao servizo dos intereses do conxunto.

E foron os socialistas ourensáns  quen en febreiro do 2020  puxeron en mans do Consello de Contas a documentación que acredita todo o órgano fiscalizar reflexa no seu informe.

Un labor de oposición – practicamente en solitario -intensa e longa no tempo que ten  sido  rebatida  polo  Baltarismo  con  todo  tipo  de     contra  -campañas, empregando toda a súa rede de poder – mediática, politica e institucional – para descualificar  e difamar os compañeiros socialistas que están na defensa dos intereses xerais e na denuncia dos desmans practicados a través desta institución.

O informe do Consello de Contas non amosa outra cousa que un absoluto descontrol  por parte da Deputación de Ourense no manexo dos recursos públicos e a pervivencia in-temporal do caciquismo e do clientelismo como xeito de tutelar a política na provincia de Ourense.

Unha provincia que perdeu 27.000 habitantes nos derradeiros dez anos,  con 10 mil pensionistas máis que cotizantes e onde moitas comarcas perderán cerca do

25 % da súa poboación nos próximos 15 anos  segundo reflexa o Instituto Galego de Estatística. A segunda provincia con peores datos socio- económicos de España.

O informe  sobre as finanzas do 2018 da Deputación Ourensán revela un xeito de facelas cousas ao marxe da lei de xeito sistemático:  millóns en créditos non orzamentados, facturas fóra de prazo, subvenciones sen control e contratos a dedo, na súa maioría para  cinco empresas privilexiadas.

O Informe do Consello de Contas indica “a Deputación de Ourense non cumpriu co prazo establecido para a rendición da conta xeral que ademais presenta defectos graves que impiden considerala como conta rendida…“ .  Os defectos “son de tal magnitude que impiden considerala como rendida, especialmente no relativo á información relativa aos organismos autónomos da Deputación“.  Ou o que é o mesmo, a Deputación de Ourense remitiu ao Consello de Contas un Informe con apariencia de contabilidade que en ningún caso pode ser considerada como tal. Un informe ademais fóra de prazo.

O órgano fiscalizador sinala ademais que durante o exercicio de 2018  e tamén en exercicios anteriores se produciron modificacións de crédito por importe aproximado de 30 millóns de euros o cal evidencia que os orzamentos aprobados repetidamente nesa institución nada teñen que ver co destino final dos cartos, feito este que dende o grupo provincial socialista se leva denunciando ano tras ano.

A maiores o Consello de Contas acredita graves anomalías no pago de facturas fóra da anualidade (recoñecementos extraxudiciais) sen conformar o correspondente expediente, ou falla de provisións orzamentarias diante de reclamacións xudiciais ou mesmamente a inexistencia dun inventario de bens debidamente  formado  que  permita  coñecer  aqueles  que  son  de  propiedade pública.

Pero por si algo se destaca o nepotismo imperante na Deputación de Ourense é pola  asignación  a  dedo    das  subvencións  e  dos  contratos.    O  84  %  das subvencións  de diñeiro público  foron outorgadas incumprindo os principios de publicidade e transparencia que require a  Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.

Oito  de cada dez contratos formalizados pola Deputación de Ourense foron contratos menores, é dicir contratos outorgados a dedo, sen publicidade e sen concorrencia competitiva. E dentro do ámbito dos contratos menores o 70 % dos mesmos foron adxudicados a solo cinco empresas, empresas, nalgúns casos, ligadas a alcaldes e cargos do PP de Ourense.

Contratos licitados a través de mesas de contratación onde o Consello de Contas pon en dúbida a imparcialidade dos seus membros ao non constar declaracións asinadas de ausencia de conflito de intereses.

Todo  isto  aderezado  coa  pervivencia  dun  réxime  secular  de  contratación  de persoal  caracterizado polo enchufismo, onde o 71 % do cadro de persoal da Deputación é persoal laboral e onde a inmensa maioría se corresponde con familiares directos de cargos do PP, de hoxe e de antano.  Un persoal que ademais vese gratificado de xeito extraordinario a vontade da Presidencia, sen a máis mínima regulación a respecto dos incentivos que se aboan, nin a máis mínimo control sobre a existencia de conflito de intereses.

Estes son algúns dos datos que se desprenden do informe do Consello de Contas sobre a contabilidade de la Deputación de Ourense en 2018.

O documento constata “defectos graves” que “impiden considerar as contas remitidas pola Deputación  como conta  rendida e pon o foco en que a institución provincial optou por vías distintas a da concorrencia competitiva a hora de entregar no exercicio 2018  a maior parte dos contratos e subvencións.

En conclusión, o Informe revela que a Deputación de Ourense é de todo menos unha institución democrática. Dende logo nada que ver coa máis mínima “ transparencia“, esa que  dá  que  o  Sr.  presidente  desta  institución  alardea  nos medios de comunicación e que non é mais que un exercicio continuado de publicidade e propaganda  pagada con fondos públicos.

Diante desta situación dende o Grupo Parlamentario do Socialista esiximos a Xunta de Galicia unha reacción inmediata. O Goberno galego debe pronunciarse a respecto do modelo implantado na deputación  e velar pola boa administración dos  recursos  públicos,  en  tanto  en  canto  esta  institución  se  nutre fundamentalmente de transferencias correntes  (¾ partes do total do orzamento) , provenientes con carácter principal do Estado (o 97 % da totalidade das transferencias) , pero tamén de transferencias da Xunta de Galicia e, por suposto, dos  ingresos  derivados  da  participación  na    recadación  de  tributos  cedidos (especialmente IRPF e IVA).

O presidente da Xunta de Galicia non pode mirar para outro lado, permitindo pactos  de goberno “letais“ na terceira cidade de Galicia a cambio de manter unha estrutura de poder clientelar e caciquil a través da Deputación de Ourense unicamente para garantir votos electorais.

Considera a Xunta de Galicia  que a Deputación de Ourense debera establecer un Plan Único de Cooperación cos concellos para o reparto dos fondos públicos   d e acordo con criterios de equidade, obxectividade e xustiza  ao igual que ocorre no resto das deputacións do país.

Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei para o seu debate en Comisión:

O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a que demande da Diputación

Provincial:

1.  Que, de acordo cos criterios impulsados pola Fegamp, e de xeito similar o que ocorre no resto das deputacións galegas, a Deputación de Ourense aprobe conxuntamente co novo orzamento para 2022 un Plan Único de Cooperación, no que un terzo do seu orzamento se distribúa de xeito equitativo, obxectivo   e xusto entre os concellos da provincia, para que sexan estes de acordo coas súas prioridades os que decidan os proxectos e investimentos a realizar.

2. Que para a anualidade vixente, de acordo cos criterios obxectivos, se suplementen as partidas dedicadas no Plan de Obras Provincial, tendo en conta, entre outros, a poboación dos concellos.

3.  Que, de acordo co Informe do Consello de Contas, se establezan criterios obxectivos e de concorrencia competitiva na adxudicación das subvencións públicas  que  se  outorguen  na  deputación  de  Ourense  no  que  resta  de anualidade

4.  Que, de acordo co Informe do Consello de Contas, se establezan criterios obxectivos e ponderados na adxudicación dos contratos públicos, posibilitando a concorrencia competitiva o conxunto do tecido empresarial e non só as empresas amigas.

5.  Que, de acordo co recollido no Informe do Consello de Contas, se proceda a publicar de xeito actualizado no Portal de Transparencia da Deputación de Ourense a información legalmente esixida en materia de contratos, subvencións, convenios asinados pola Deputación, así como a relación detallada de todos os beneficiario/as dos mesmos.