Sanidade alerta sobre unha estafa que se efectúa con mensaxes falsos para renovar a tarxeta sanitaria

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

As autoridades sanitarias de diversas comunidades autónomas e o propio Ministerio de Sanidade veñen de alertar sobre unha estafa de suplantación de identidade, denominada ‘smishing’, que se leva a cabo mediante unha suposta necesidade de renovación da tarxeta sanitaria.

Os estafadores envían ao teléfono móbil unha mensaxe de texto curta (SMS) na que se avisa ao usuario de que a súa tarxeta sanitaria debe ser renovada “antes dun mes determinado” ou alegando a posta en marcha dunha “nova normativa”. Nesa comunicación inclúese a ligazón a unha páxina web falsa que imita a estética oficial do departamento sanitario (o Sergas, no caso de Galicia) e que, no caso de pinchar nela, facilita aos delincuentes o acceso a tódolos datos persoais e bancarios desa persoa.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Para evitar esta situación, as autoridades recomendan non picar nesa ligazón nin respostar á mensaxe, eliminar de inmediato o SMS e proceder ao bloqueo do remitente. Asemade, indican a toda a poboación non facilitar nunca datos bancarios, xa que o Sistema Público de Saúde nunca solicita información de tarxetas de crédito ou contas bancarias por SMS para efectuar a renovación da tarxeta, tendo en conta que a tarxeta sanitaria física ten vixencia ilimitada ou se renova automáticamente sen necesidade de tramitación algunha por parte do seu titular.

Ao respecto, as autoridades sanitarias apuntan que, no caso de efectuar calquera xestión, o usuario debe utilizar sempre a aplicación oficial da súa comunidade (no caso de Galicia, Sergas Móbil), acudir presencialmente ao Centro de Saúde de referencia ou acceder á sede electrónica do organismo correspondente mediante certificado dixital ou a clave pertinente.

Esta estafa vense detectando nos últimos meses en comunidades tales como Canarias, Andalucía, Asturias e Cantabria, entre outras.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------