Destaca o aumento da actividade da Garda Civil en canto a número de investigados e constátase un lixeiro incremento dos delitos leves 

§  Impulsarase a participación da comunidade educativa de Ribadavia, proxenitores e alumnado no Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus Entornos

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández, presidiron esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade na que se realizou a análise e valoración da seguridade cidadá e dos datos de violencia de xénero no concello, así como o reforzo do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas para o vindeiro curso escolar.

O subdelegado do Goberno trasladou aos representantes das Forzas e Corpos de Seguridade presentes na reunión o seu agradecemento polo esforzo e polo traballo desenvolvido nestes meses marcados pola crise provocada pola pandemia do COVID-19, incidindo na importancia de manter a excelente coordinación e colaboración existente entre todas as forzas.

Así mesmo, Emilio González salientou o comportamento exemplar da cidadanía durante o período do estado de alarma, contribuíndo a reducir a progresión do virus, salvo en ocasións excepcionais que deron lugar a propostas de sancións administrativas.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, sumouse a estas felicitacións, salientando tamén a labor realizada polos servizos sociais do concello.

SEGURIDADE CIDADÁ

No tocante á seguridade cidadá o subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, destacou o incremento da actividade da Garda Civil en canto a número de investigados e un lixeiro incremento das infraccións penais, correspondente con delitos leves.

Emilio González manifestou que Ribadavia segue a ser “un concello seguro e que todas as administracións e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado seguirán traballando para manter os niveis de seguridade acadados”.

En canto aos datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense indican que na actualidade en Ribadavia hai activos no sistema VioGen catro casos deste tipo, un dos cales presenta risco baixo e tres risco non apreciado.

PLAN DIRECTOR

Como resposta á Comisión Provincial de Ourense do Plan Director, creada o pasado 3 de marzo, a Xunta Local de Seguridade introduciu como outro dos puntos da orde do día o Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas para lograr unha maior coordinación.

Impulsarase a implicación da comunidade educativa, dos proxenitores e do alumnado para incrementar nos centros escolares de Ribadavia o número de charlas informativas dos equipos especializados das Forzas e Corpos de Seguridade sobre o uso das novas tecnoloxías, sobre o acoso escolar, sobre a violencia de xénero, sobre a prevención de condutas aditivas (consumo de alcohol e drogas, así como adición ao xogo) e outras actividades..

Igualmente se reforzará a vixilancia nas inmediacións dos centros escolares para combater e previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas.