Luis Álvarez Pousa : Virxilio, Xosé Benito e Miguel.
Venceremos Nós na versión de Xoan Rubia
E con esta canción protestamos polas rúas de Ribadavia contra a decisión do bispo Temiño, aquel que lle daba pousada no pazo episcopal de Ourense ao xefe dos Guerrilleiros de Cristo Rei (violentos fascistas), de expulsar da parroquia aos tres cregos que tan ben conectaran coa mocidade e coa xente de ben da vila. Acusábaos de ‘facer política’, asumindo así as denuncias contra eles das forzas vivas e do réxime franquista na provincia e no Ribeiro. Foron os que contribuiron á creación da asociación Abrente, organizadora das xa históricas Mostras de Teatro.A súa pastoral e compromiso cos máis necesitados e tamén cos perseguidos, chocaba con aqueles reaccionarios e tridentinos personaxes. Por Ribadavia pasaron nese tempo as mentes máis lúcidas e comprometidas do galeguismo. E a lingua galega convertírona na lingua habitual de comunicación fóra e dentro da igrexa.
Era o emblemático ano 1968. Os tres cregos eran: Virxilio, Xosé Benito e Miguel. Este último vén de xubilarse na parroquia limiá de Parada de Outeiro, a onde o ‘desterrara’ o bispo burgalés de infausta memoria, e onde fixo da súa vida unha entrega cotiá aos demais.
Como alumno que fun del no Seminario (ao que renunciou para irse a Ribadavia cando Virxilio -outro dos meus profesores, hoxe exemplar pai de familia- e Xosé Benito – hoxe párroco de O Carballiño-, teño que agradecerlle a miña paixòn pola literatura e pola música.
Aquel ‘Venceremos nós’ polas rúas soaba a futuro. Profético a medio prazo: ninguén se lembra daqueles castigadores adeptos ao réxime da ditadura, e seguimos contando cos cregos de Ribadavia na memoria dos bos e xenerosos.
Luis Álvarez Pousa : Xornalista, profesor de Xornalismo na USC, director da revista Tempos Novos