A Deputación colaborou no proxecto do módulo bioclimático deseñado polo alumnado do IES As Lagoas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O proxecto, presentado esta tarde coa presenza do vicepresidente Rosendo Fernández, servirá de laboratorio sobre a eficiencia enerxética

Ourense, 2 de febreiro de 2023.- O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, participou esta tarde no IES As Lagoas de Ourense na presentación do proxecto de vivenda pasiva deseñado polo alumnado de STEMBach do centro, e que contou  coa colaboración da Deputación de Ourense. Este proxecto centrouse no deseño e construción dun módulo bioclimático que servirá de laboratorio sobre a eficiencia enerxética.

Rosendo Fernández estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; o delegado da Xunta, Gabriel Alén; e representantes do profesorado e alumnado do centro. 

Na súa intervención, o vicepresidente resaltou que é “unha honra para a Deputación acompañar ao centro educativo nun proxecto tan innovador”, sinalando que “dentro do papel de cooperación do goberno provincial ten un carácter primordial apoiar iniciativas estratéxicas como esta”. 

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os estudantes involucrados na planificación desta construción forman parte do bacharelato STEM, unha modalidade formativa de excelencia que busca promover a vocación do alumnado cara a investigación científica e tecnolóxica. En colaboración coa UVigo e con docentes do grupo de investigación Ephyslab, o estudantado do IES As Lagoas realizou ao longo de tres anos todo o proxecto técnico, incluíndo características do módulo bioclimático como os materiais, orientación e proporcións. A partir de agora, este hábitat pasivo converterase nun espazo de experimentación enerxética para os alumnos do centro educativo. 

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------