A Deputación colabora na dotación de céspede artificial e unha nova bancada no campo de fútbol de Lobios

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial á alcaldesa, María del Carmen Yáñez, para repasar os proxectos nos que presta o seu apoio o goberno provincial 

Ademais da cooperación no ámbito deportivo, Baltar trasladou o compromiso da Deputación na renovación de infraestruturas viarias, coa redacción do proxecto de mellora do último tramo da estrada OU-1206 (Lobios-A Vila), ademais do acondicionamento de camiños municipais 

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 5 de febreiro de 2023.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial á alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, para repasar os proxectos nos que está a prestar o seu apoio o goberno provincial, centrados na reforma do campo de fútbol, ademais da mellora de infraestruturas viarias. 

Manuel Baltar e María del Carmen Yáñez analizaron as obras que se executarán nas instalacións deportivas do Paraño, que contarán con céspede artificial grazas a unha acción conxunta entre a Deputación e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Para completar a reforma do campo de fútbol, o goberno provincial asumirá en solitario outro proxecto, desta volta para construír unha nova bancada. 

O presidente da Deputación destacou que con estas actuacións, ademais da reforma dos vestiarios tamén realizada polo goberno provincial, “contribuímos a ofrecer unhas completas instalacións deportivas para os equipos que queiran facer a súa pretemporada en Lobios”. Un concello que, ademais, “ofrece o aliciente do termalismo para completar as estanzas”, engadiu Manuel Baltar. 

A alcaldesa, agradecida por esta colaboración, mostrou a súa satisfacción por ofrecer tamén un novo campo de fútbol ao equipo local, a Unión Deportiva Lobios, así como aos veteranos e aos conxuntos infantís.  

Yáñez tamén subliñou o compromiso da Deputación coa renovación das infraestruturas viarias, por unha banda coa redacción do proxecto de mellora do último tramo da estrada OU-1206, que comunica Lobios con A Vila, así como tamén co acondicionamento de camiños municipais.