O programa ChegOU para o fomento da natalidade amplía as axudas ás persoas acollidas na provincia de Ourense pola guerra de Ucraína

Xunta de Goberno da Deputación Ourense. Asisiten Manuel Baltar (Presidente Deputación); Rosendo Fernández (Vicepresidente 1º da Deputación de Ourense); César Fernández Gil (Vicepresidente 2º da Deputación de Ourense); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Jorge Pumar (Deputado PPOU); Patricia Torres Madureira (Deputado PPOU); Ana María Villarino Pardo (Deputado PPOU); Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense); Adamantino Barreiro García (Vicesecretario da Deputación de Ourense).
II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá no Pazo Provincial baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou as bases do programa ChegOU 2023 para o fomento da natalidade, que nesta nova convocatoria inclúe na súa cobertura ás persoas desprazadas pola guerra de Ucraína e que foron acollidas en distintos puntos da provincia. 

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

As bases do programa sinalan que a guerra en Ucraína obrigou a moitas persoas, na súa gran maioría mulleres, a fuxir do país coa súa familia, mesmo con recen nacidos ou en estado de xestación, deixando atrás os seus traballos e modo de vida. Así, poderán acceder ás subvencións aquelas persoas que se atopen en situación de “desprazadas por conflito armado” e teñan un fillo en 2023, ampliando esta posibilidade con carácter retroactivo excepcional ao ano 2022.

Cun orzamento de 325.000 euros, as subvencións para o fomento da natalidade do programa ChegOU, que xestiona a Área de Benestar da Deputación, están dirixidas a todas aquelas persoas que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023 teñan un fillo, adopten ou accedan á tutela de menores. 

As contías das subvencións corresponderanse coa clasificación dos concellos en cuxo rexistro civil se inscriba o menor, é dicir, 300 euros no caso dos concellos sen prioridade demográfica (grao 0) e para os municipios con prioridade de grao 1 e 2. As axudas serán de 500 euros para os concellos con prioridade de grao 3. As solicitudes poderán presentarse ata o 31 de decembro de 2023, aínda que no caso de que o nacemento, a adopción ou tutela tiña lugar entre o 1 e o 31 de decembro de 2023, o prazo ampliarase ata o 15 de xaneiro de 2024.

Ampliación do sendeiro no río Badella, en Bande

Na orde do día da Xunta de Goberno tamén figuraba a aprobación dun convenio entre a Deputación de Ourense, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o Concello de Bande para o acondicionamento do leito e marxes do río Badella. Con esta actuación ampliarase en 800 metros o paseo xa existente nas beiras do río, ademais de executar labores de limpeza e tratamento silvícola nas ribeiras. As obras, que se prevén executar neste ano, suporán un investimento de 380.000 euros, dos que o 80 % corresponderá á Confederación e o 20 % restante á Deputación, encargándose o Concello de Bande do mantemento e conservación do sendeiro. 

Cooperación cos concellos

No capítulo de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno concedeu doce axudas para a execución doutros tantos proxectos municipais. Oito das subvencións teñen o mesmo importe, 48.000 euros, e serán destinadas á renovación de pavimento en rúas de Castrelo do Val; traballos en vías locais da Mezquita; obras no balneario de Requeixo de Monterrei; de abastecemento  en Padrenda; á renovación do parque infantil de Arenteiro e melloras viarias en Piñor; e maila pavimentación de camiños en Beade e Vilamartín de Valdeorras.

Entre as achegas aprobadas tamén figuran 12.000 euros para o arranxo da escola de Terzas en Cartelle; 30.000 para a reconstrución de muros en Esgos; case 25.000 euros para o asfaltado do Viñal en Gomesende; e 30.000 euros tamén para o asfaltado do campo da festa de Graíces, na Peroxa.