O Psdeg-Psoe critica o reparto de fondos da Deputación

o psdeg-psoe denuncia que Baltar reparte a dedo o 84 % dos cartos da deputación entre os seus amigos e amigas, incumprindo a lei e as resolucións do consello de contas

O presidente provincial mantense “aferrado ao caciquismo en beneficio propio”, grazas a unha nova modificación orzamentaria coa que distribúe “inxustamente” 17 millóns, aseveran os e as socialistas

AVANTAR ACTIVIDADES

Tamén impulsaron unha moción para a mellora dos servizos de dependencia e de atención psicosocial de Ourense que foi aprobada por todos os grupos da corporación

Ourense, 24 de febreiro de 2023. O PSdeG-PSOE denuncia que Manuel Baltar vén de aprobar o reparto a dedo do 84 % dos fondos da Deputación de Ourense entre os seus amigos e amigas do PP, incumprindo unha vez máis a lexislación vixente e as resolucións do Consello de Contas. O presidente provincial mantense “aferrado ao caciquismo en beneficio propio”, grazas a unha nova “macromodificación” orzamentaria coa que distribúe “inxustamente” 17 millóns, destacaron os e as socialistas durante o pleno de febreiro, no que este sistema recibiu as loas da deputada tránsfuga, Montse Lama.

Desde o PSOE salientaron que este sistema caciquil é inxusto “incluso cos municipios do PP”. “Só beneficia aos amigos do presidente”, insistiron antes de destapar casos como o Beade, que non recibiu cartos da deputación ourensá nos últimos tres anos porque o seu alcalde “non é da corda de Baltar”.

O deputado, Diego Fernández, destacou que “esta pode que sexa a última modificación orzamentaria que se faga desta maneira, sen igualdade e sen xustiza”, antes de advertir que “para Baltar soamente son estratéxicos algúns proxectos do PP”. “Hai que cambiar o de concello de concellos por concello de concellos amigos“, denunciou o deputado, que tamén destapou datos escandalosos como que, entre os 30 concellos máis beneficiados por esta modificación orzamentaria, só tres non son do PP.

Desde o grupo socialista destacan que os datos “destapan premios a municipios dos deputados e deputadas conservadores e aos amigos e amigas do presidente, fronte ao recorrente castigo aos territorios gobernados pola oposición e algúns rexedores do PP”, xa que, segundo denunciou Fernández, “moitos alcaldes e alcaldesas socialistas entregaron proxectos en tempo e forma que, sen embargo, non están recollidos na modificación”.

O vicevoceiro socialista, Nacho Gómez, defendeu durante a sesión unha iniciativa para esixir o reparto xusto e democrático dos fondos entre todos os municipios. O texto foi rexeitado cos votos do Partido Popular e da deputada tránsfuga, Montserrat Lama. Esta moción reclamaba crear un “grupo de traballo, formado por unha representación proporcional de todos os grupos políticos”, así como a “aprobación dun instrumento de cooperación que permita executar un reparto xusto, operativo, equitativo e democrático dos fondos da institución, no que a elección da actividade subvencionable corresponda ás entidades locais”.

Tamén reclamaba “financiar ou, a lo menos, cofinanciar os proxectos presentados polos municipios que foron rexeitados polo goberno provincial nos últimos anos, en base ao seu deber legal recollido na Lei 7/1985”.

“Desde o PSdeG-PSOE de Ourense pedimos recorrentemente a aprobación dun plan único que, do mesmo xeito que no resto de institucións, distribúa democraticamente os cartos” pero “atopamonos ante unha nova tropelía orzamentaria inxusta”, denunciou o vicevoceiro. Para Gómez “en ningún lugar de España ocorre o que ocorre nesta deputación” porque “en todos teñen repartos con criterios, mellores ou peores, pero criterios”.

Igualmente defendeu a “imperiosa necesidade” de que os concellos “sexan independentes para exercitar a súa autonomía” sen “ter que vir chorarlle ao presidente provincial”, antes de recordarlle aos conservadores que “incluso van ter que convencer a moitos alcaldes do PP” que están “descontentos” con este sistema. “A vostede lle parece normal que un concello como Verín, o maior despois da capital, reciba cero euros?” preguntou ao portavoz do PP.

Mellora dos servizos de dependencia e atención psicosocial

O PSdeG-PSOE tamén defendeu no pleno provincial de febreiro a mellora inmediata dos servizos de dependencia de Galicia, así como dos equipos psicosociais que traballan nos municipios da provincia. Mediante unha moción esixiron á Xunta “incrementar os equipos de valoración, así como os equipos dos servizos sociais comunitarios, permitindo incrementar o número de solicitudes ás axudas para a dependencia”.

Tamén pediron á Deputación de Ourense que “financie, ou alomenos cofinancie, a constitución de equipos multidisciplinares de intervención psicosocial nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia, para atender as demandas e necesidades psicolóxicas e sociais da poboación de máis idade”. O texto foi aprobado por unanimidade, cos votos de todos os grupos da corporación.

O voceiro, Rafa Villarino, destacou que “Galicia é a comunidade autónoma que menos solicitudes rexistra” neste ámbito, xa que a “deficiente xestión da Xunta” está a provocar “importantes problemas” á veciñanza, porque as persoas teñen que agardar unha media de 365 días para resolver a súa solicitude, duplicando o prazo máximo permitido pola lei. “É unha situación máis preocupante en Ourense, a causa do envellecemento da poboación”, recordou antes de sinalar que a taxa de persoas en situación de dependencia é moito máis elevada na provincia ourensá que no resto de España.

“Como pode ser posible que teñamos a maior taxa de dependencia e, sen embargo, sexamos quen menos asistencia solicita?” preguntou o voceiro.

No caso dos equipos municipais de atención psicosocial, Villarino destacou que observamos un deterioro na calidade da atención e na dotación de recursos, que dificultan o benestar das persoas e das súas familias neste ámbito “moi necesario”, xa que “moitos concellos carecen de recursos dabondo” para este servizo. As cifras de profesionais por usuario ou usuaria destes equipos son “claramente insuficientes”, o que impide ofrecer unha “atención individualizada de calidade” ante a falta de recursos das entidades locais, insistiu o voceiro antes de concluir reclamando “máis sensibilidade coa veciñanza de maior vulnerabilidade”.